Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera o anuncio de Rueda  “puro marketing” para tapar que o PP leva anos traballado para o lobby das eléctricas

Olalla Rodil lembra que o PP se opuxo sistematicamente á creación da empresa pública de enerxía proposta polo BNG para beneficiar xs galegxs

Santiago de Compostela, 29 de setembro, 2024* A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, cualificou de “puro marketing” o anuncio feito polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para a creación dunha comercializadora propia de enerxía en Galiza, unha proposta que, engadiu, carece de credibilidade porque o PP opúxose sistematicamente á empresa pública de enerxía que propón o BNG dende hai anos.

“O que vemos con este anuncio é unha vez máis unha cortina de fume, puro marketing e pura propaganda que realmente non vai beneficiar en absoluto os galegos e as galegas”, asegurou Rodil sobre o ‘anuncio estrela’ do retiro do Goberno galego en Sober. “Unha vez máis é un intento por esconder e por tapar o que o PP leva anos traballando para o lobby das eléctricas”, engadiu. “Utilizan os Consellos da Xunta para beneficiar ás súas empresas amigas”, remachou.

A deputada nacionalista subliñou o pouco críbel que resulta o anuncio tendo en conta que hai tan só tres meses, o 25 de xuño, o BNG volveu levar ao Pleno unha proposición non de lei para crear unha empresa de titularidade 100% pública para xestionar o sistema eléctrico galego e contribuír a democratizar os recursos enerxéticos e os seus beneficios, e para poñer a Galiza á vangarda da transformación enerxética. O PP, lembra Rodil, votou entón en contra e vetou a tramitación da iniciativa do Bloque.

A posta en marcha dunha empresa 100 % pública encargada da xestión dos recursos de produción enerxética de Galiza e a creación dunha tarifa eléctrica galega foron, precisamente, as dúas primeiras iniciativas rexistradas nesta lexislatura pola propia portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para defender que a enerxía e os recursos naturais do País estean ao servizo da sociedade e non do negocio privado e especulativo dun puñado de multinacionais.

As dúas propostas que o BNG leva anos defendendo servirían para axudar ás familias, que verían reducida a súa factura da luz, e tamén para impulsar a competitividade das empresas galegas.

Exit mobile version