Ariadna Fernández esíxelle máis capacidade de negociación coa industria e menos “apelar á súa boa vontade” á hora de fixar os prezos
Santiago de Compostela, 25 de setembro 2024. A deputada Ariadna Fernández lamenta o “inmobilismo” do Goberno do PP diante dos problemas do sector lácteo galego, que ten os prezos do leite máis baixos do Estado malia a tendencia a alza que se está a rexistrar en Europa. “Queren tirar por Galiza cara atrás na vez de empuxar para adiante”, asegurou a deputada despois do veto do PP a unha iniciativa do BNG para que os gandeiros galegos acaden un maior valor engadido polo leite.
Fernández, que esixiu á Xunta máis contundencia na negociación de prezos porque coa boa vontade das empresas non chega, defendeu unha proposición non de lei na que se pedían informes da Comisión Galega de Competencia que avalíen as prácticas da industria láctea, esclarecendo se hai dominancia da industria na negociación e se hai motivos para o diferencial de prezos que se está dando.
“Non vaia ser que nos pase coma co cartel do leite, que non o viron ou non o quixeron ver”, advertiu Fernández en alusión ao grupo de industrias lácteas que pactaron prezos durante trece anos, reducindo a capacidade negociadora dos produtores, aos que a xustiza vén de darlles a razón.
Fernández acusou a Xunta do PP por permanecer impasible diante dunha situación crítica do sector leiteiro, na que a rendibilidade é mínima, especialmente para as explotacións máis pequenas, ás que se lles paga 38 céntimos por litro, fronte aos 45 nas máis grandes. Deses 38 céntimos, o 55% vai destinado a insumos, é dicir, á comida para os animais. “Iso débese á miseria de políticas de mobilización de terra agraria que levan practicando aquí durante anos”, recalcou. No Estado español, o prezo elévase até os 47 céntimos por litro de media, destacando os 51 céntimos que se paga polo leite asturiano.
“O diferencial de prezos co resto do Estado é un escándalo pero aínda é peor sabendo que o prezo da manteiga chegou a máximos históricos de cotización, o que significa que, mentres o leite sobe en toda Europa, aquí baixa”, subliñou.
“Non lles dá vergonza que os gandeiros estean malvendendo o seu produto?” recriminou, para acusar a continuación ao Goberno do PP de levar dezaseis anos cunha “capacidade nula para negociar” e afearlle que só apelaron á “boa vontade da industria” para manter os prezos do leite, algo que non pasou porque “leva baixando desde 2023”, lamentou.
Fernández sinalou que aos gandeiros e gandeiras lles custa moito producir e que venden moi barato. “Non me estraña que a conselleira dixese que a industria estaba moi contenta con Galiza, porque lle vendemos o leite máis barato do Estado”, ironizou. “Había que preguntarlles aos gandeiros se estaban tan contentos coma eles”.
A deputada achacou esta situación a que a industria láctea estranxeira ten a hexemonía da recollida en Galiza e aclarou que, na lista das dez industrias do complexo lácteo, só tres son de capital galego. A tamén gandeira e veterinaria eloxiou a calidade e cantidade do produto e lamentou que a ganancia “coma sempre, vai para fóra” ao non ter capacidade suficiente para transformar aquí e que os cartos queden nas industrias e nas gandarías do País.
“Por favor, actúen con contundencia, pedímosllo de parte do sector lácteo, actúen”, reclamou neste punto a deputada nacionalista. “Precisamos informes da Comisión Galega de Competencia e do Comité Nacional do Mercado da Competencia para saber se a industria mostra un papel dominante e de privilexo nas negociacións. Precisamos que se reúnan os distintos conformantes da cadea na Mesa do leite, que se recupere o funcionamento do Observatorio Lácteo Galego coa súa mesa sectorial correspondente”, recalcou.
A deputada nacionalista denunciou que o 95 % do volume que se entrega faise baixo contratos que duran menos de 6 meses e que non se negocia nada. “Firmas se queres e se non, non che recollen máis e buscas quen o queira, que non é fácil, porque sempre lles sobra e pagan todos parecido. Con contratos do leite firmados baixaron prezos e rompéronse e firmáronse outros á baixa, pero cando soben estás atado ao papel”.
Ariadna Fernández salientou tamén a necesidade de primar a calidade, tanto hixiénica como sanitaria, e non só a cantidade porque do contrario as pequenas explotacións “van pechar, e esas son as que manteñen a o noso sector e cultura láctea e gandeira propia”, apuntou.
Unha botella do leite como símbolo da dignidade do sector
Durante a súa intervención, Ariadna Fernández quixo explicar a pouca marxe de beneficios cos actuais prezos en orixe botando man dunha botella de un litro de leite, e simbolizando a “dignidade do sector”. “Producimos 4 de cada 10 litros do Estado. Somos referente en calidade, sostibilidade e trazabilidade. Galiza ten unha actividade económica punteira en canto a instalacións e animais, co 56% das explotacións do Estado e nas que se aumentaron as entregas nun 65%, pero temos os prezos máis baixos do Estado”.
”Pasamos de muxir sentados nun tallo e levar o leite en bidóns ao medio da aldea a ter robots de muxido e tanques de frío nas leiterías ou producir os nosos propios queixos e iogures, moi prezados, representamos o 87% do crecemento da produción leiteira española. Aumentamos a media de vacas por explotación porque o límite da supervivencia nos quere situar nas 50 cabezas e a aumentamos tamén o rendemento por vaca. Profesionalizámonos porque nos dixeron que para aumentar os beneficios debiamos subir tamén a eficiencia, e seguimos sen ter diñeiro. Mentíronnos”, afirmou.
“Por que se acaba se o estamos facendo ben?”, preguntou. No 1989 había en Galiza 85 mil explotacións gandeiras de leite, 10.200 no 2016 eran 10.200 ata chegar aos 5.463 na actualidade. As pequenas explotacións diminuíron un 40% os últimos catro anos.
A deputada afincada na comarca do Deza advertiulle ao PP que “non lle vai valer con subirse aos tractores nas mobilizacións porque o que necesitamos son solucións”, e rematou a súa exposición preguntándose “onde estarían as axudas dignas que se van cobrar pola EHE (enfermidade hemorráxica hepizoótica) se non fose pola presión do goberno alternativo”.