Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz solicita por escrito de novo unha reunión coa conselleira de Política Social para falar sobre a residencia e centro de día

Foz, 3 de setembro de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, vén de solicitar de novo por escrito unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola Martínez, despois de que non obtivese ningunha resposta á misiva enviada o pasado 10 de xuño. “Son tres meses sen resposta a unha solicitude de reunión urxente. A conselleira está incumprindo o convenio asinado co Concello de Foz, no que o Consorcio de Igualdade e Benestar comprometíase a ceder a propiedade do edificio e mobiliario da residencia e centro de día de Foz: seguimos sen noticias de ningún tipo, necesitamos poder falar con ela”, explica o rexedor municipal.

Fran Cajoto engade que é “un modelo de xestión herdado do Partido Popular e que non foi posible cambiar en xaneiro do 2023, cando vencía o anterior convenio. A problemática das tarifas deriva dos compromisos adquiridos polo anterior alcalde, o señor Castiñeira, en 2017 coa Xunta. Queremos avanzar. Todos os veciños de Foz estamos a facer un esforzo moi importante con fondos enteiramente municipais para suplementar os prezos do anterior contrato e pagar as prazas dos 40 residentes. Estamos a falar de 370.000 euros anuais, cando se trata dunha competencia autonómica”.

O alcalde continúa: “o proceso non debe rematar coa adxudicación á empresa que resultou máis puntuada na licitación pública e aberta; temos a obriga de aumentar as prazas da residencia e de artellar coa Xunta de Galicia os mecanismos para que a administración autonómica aporte o que lle corresponde. A conselleira debe escoitar ás veciñas e veciños de Foz, que están representados polo seu alcalde”.

Exit mobile version