Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz reclama ante a Xunta unha solución para a residencia de maiores do municipio

Lembrou que o anterior alcalde, do PP, reclamou en 2017 a xestión do centro e comprometeuse a que lle sairía gratis ao Concello, pero creou un problema que agora lle custa á veciñanza máis de 700.000 euros ao ano

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024. O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, reclamou esta mañá ante a sede da Xunta unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para abordar o problema dos prezos da residencia de maiores de Foz, un centro que, tal e como recordou o rexedor, é propiedade da Administración autonómica.

Cajoto, que acudiu a Santiago na compaña da concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, mostrou o seu malestar por ter que “petar de novo á porta da consellería” tras non obter resposta ás súas solicitudes dunha entrevista coa responsable autonómica. “É indignante que non atenda unha petición de reunión urxente que xa lle remitimos en xuño e que volvimos enviar o 3 de setembro”, denunciou.

O rexedor explicou que existe un problema coas tarifas da residencia de maiores “derivado da xestión do anterior alcalde”, o popular Javier Castiñeira, “que asumiu unhas competencias impropias” ao reclamar para o Concello a xestión do centro, aínda que se comprometeu a que non lle custaría nada a Foz. Pero “iso deriva nuns prezos elevados que se está reclamando que baixen”, aínda que a única solución posible “ten que partir da Xunta”.

O Concello de Foz está gastando anualmente máis de 700.000 euros por prestacións de servizos sociais “que lle corresponde pagar á Consellería de Política Social”, pero que ao final repercuten “nos impostos de todas as veciñas e todos os veciños”, explicou Cajoto. “Non imos parar ata que consigamos esa reunión, ata que se escoite as veciñas e veciños de Foz”, insistiu.

Francisco Cajoto lamentou tamén que o único que fai Castiñeira agora, tras crear o problema, é engordalo, entorpecer a xestión, evadir as súas responsabilidades e mentir. Ao tempo, a Xunta está a bloquear calquera tipo de solución mantendo o silencio e negándose a falar co Concello.

A concelleira de Servizos Sociais contrapuxo esa actitude coas numerosas reunións que mantivo o equipo de goberno de Foz coa plataforma que crearon os afectados e afectadas e afirmou que o Concello garante que ninguén teña que abandoar a residencia por falta de recursos.

Logo de agardar durante máis dunha hora en San Caetano, o alcalde e a edila trasladáronse ao Parlamento de Galicia, onde se reuniron coa viceportavoz do Grupo Socialista Elena Espinosa e co deputado Carlos López Font. Ambos se comprometeron a denunciar o problema na Cámara e promover iniciativas na busca dunha solución.

Exit mobile version