Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz demándalle á Xunta unha solución urxente a falta de transporte público para os estudantes

Foz, 24 de setembro de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, demándalle á Xunta de Galicia unha solución urxente á falta de transporte público para os estudantes.

O rexedor municipal de Foz e o concelleiro Ángel Fernández Neira recibiron na Casa do Concello ás 8:45 horas de hoxe, martes, a unha decena de estudantes focegos do IES Perdouro de Burela indignados que non puideron acudir ás clases pola falta de asentos na liña regular de autobuses da Xunta de Galicia. “Trasladáronnos que de todos os alumnos que estaban agardando só puideron subir dous e que isto lles pasa diariamente. Tiveron que decidir entre eles quen subía e quen non. É urxente reforzar a liña para garantir asentos suficientes: estamos a falar de alumnos da ensinanza pública que perden o comezo das clases por falta de prazas. Hai que adaptar o servizo ás necesidades reais e hai que facelo xa”, explica Fran Cajoto.

O Concello de Foz segue a agardar unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade, da Xunta, para a modificación do percorrido da liña Alfoz-Burela e que se garanta o transporte aos veciños da parroquia de Cordido e á valadouresa de Moucide. “Estamos a detectar moitas incidencias e problemas no transporte no inicio do curso escolar, que é preciso resolver de forma áxil e urxente. Comprometémonos cos alumnos do casco urbano de Foz a reclamar á Xunta de Galicia unha solución urxente e que xestionen xa o problema, igual que fixemos cos alumnos de Cordido”, remata o alcalde.

Exit mobile version