Site icon Crónica3.com A Mariña

Nova concentración ás portas do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro de Alfoz

A protesta rematou cunha chamada unánime a non renderse ata que se asegure un ensino xusto e equitativo para todos os nenos e nenas do CEIP

Alfoz, 23 de setembro, 2024. Hoxe tivo lugar unha nova concentración diante do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, organizada pola ANPA do centro, coa participación de pais, nais, alumnado, membros da comunidade educativa. Nela tamén participaron veciños e veciñas de Alfoz e concellos limítrofes, así como representantes políticos e sindicais. esta protesta, convocada para esixir o cumprimento do Acordo de agrupamentos a reposición da especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT), súmase ás mobilizacións que levan sucedéndose desde o inicio do curso en defensa dos dereitos do alumnado.

Durante o acto, leuse un manifesto no que a comunidade educativa denunciou a inxusta situación que atravesa o colexio, marcada pola vulneración dos acordos que regulan os agrupamentos de alumnos e a falta de recursos esenciais para garantir unha educación de calidade. O manifesto subliñou dous puntos clave que veñen reclamando sen resolución por parte da administración:

1. A necesidade de crear unha unidade adicional en Educación Primaria, dado que o agrupamento actual de 1º, 2º e 3º de Primaria supera o número máximo de 12 alumnos, establecido no acordo asinado e publicado no Diario Oficial de Galicia en xaneiro de 2024.
2. A reposición inmediata dun especialista en Pedagoxía Terapéutica, fundamental para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais, que hoxe non está a recibir o apoio que precisa.

Segundo explicou a ANPA, “vivimos unha situación inxusta. Non só se están a vulnerar os dereitos dos nosos fillos, senón que tamén se está poñendo en risco o seu desenvolvemento académico e persoal. Non podemos seguir permitindo que se xogue co futuro dos nenos e nenas”, e engaden, “non estamos a pedir privilexios, só pedimos que se respecte o acordado e que se dote ao noso centro dos recursos que lle corresponden segundo os acordos asinados. Ademais, non ter un especialista en Pedagoxía Terapéutica é inaceptable, sobre todo cando temos nenos que necesitan ese apoio”.

As familias destacaron a importancia de actuar con urxencia para garantir o futuro educativo dos seus fillos e fillas e aseguraron que, de non recibir unha resposta adecuada, manterán as súas mobilizacións ata que as súas reivindicacións sexan atendidas. No manifesto, fíxose fincapé na necesidade de que a Xunta de Galicia demostre o seu compromiso co rural mediante accións concretas que garantan servizos de calidade para evitar o despoboamento da zona.

Ademais deste acto reivindicativo, a ANPA ven de enviar sendas cartas explicando a situación a Alfonso Rueda, Presidente da Xunta, e a Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, “solicitando que se revise a actual situación do centro e nos informen dos pasos que a Consellería vai tomar para resolver as nosas demandas”. Así mesmo, tamén fou remitida unha carta á Valedora do Pobo, “solicitanto o seu amparo e intervención para garantir que o noso centro cumpra cos estándares de calidade e igualdade educativa”, indicas desde a ANPA.

Exit mobile version