Desde a Anpa, aseguran que as mobilizacións continuarán se non se ofrecen solucións inmediatas por parte da Xunta
Alfoz, 30 de setembro, 2024. Esta mañá, ás 9:30 horas, celebrouse a terceira concentración convocada pola ANPA do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, en protesta polas inxustas condicións educativas que están a afectar ao alumnado do centro. Pais, nais, alumnado e membros da comunidade educativa, xunto con veciños e representantes políticos, reuníronse ás portas do colexio para reivindicar unha vez máis os seus dereitos e esixir solucións inmediatas por parte da Xunta de Galicia.
Durante o acto, leuse un manifesto no que se denunciaron os problemas que está padecendo o centro, entre os cales destaca o exceso de alumnos nun dos agrupamentos. En concreto, a aula de 1º, 2º e 3º de Primaria conta con 15 alumnos, cando o acordo asinado entre a Xunta e as centrais sindicais ANPE, CCOO e UXT, e publicada no DOG de 17 de xaneiro de 2024, estipula que o máximo permitido para ese tipo de agrupamento é de 12 estudantes. Desde a ANPA indican que este incumprimento da normativa está a poñer en risco a calidade educativa, “xa que o profesorado non pode ofrecer a atención individualizada que cada neno ou nena, de diferente ciclo, precisa para o seu pleno desenvolvemento académico”.
Ademais, outra das demandas clave expostas no manifesto foi a falta dun especialista en Pedagoxía Terapéutica (PT), cuxa ausencia está a deixar sen o apoio necesario aos alumnos con necesidades educativas especiais, vulnerando os seus dereitos.
A ANPA esixe a creación dunha nova unidade en Educación Primaria, que permita reducir o número de alumnos por aula e garantir unha educación adaptada ás necesidades de cada ciclo, así como a reposición inmediata da praza de especialista en Pedagoxía Terapéutica para ofrecer o apoio adecuado aos alumnos con dificultades.
Os participantes na concentración subliñaron que a educación no CEIP Plurilingüe Castro de Ouro está sendo claramente prexudicada pola falta de recursos e o incumprimento dos acordos establecidos por parte da Xunta, o que afecta directamente ao desenvolvemento académico e persoal do alumnado. Desde a ANPA insisten, “non estamos pedindo nada extraordinario, só que se atendan os informes enviados pola dirección do centro e se cumpran os acordos, como se está a facer noutros colexios, e que inxustamente non se respectan no noso centro”.
“Non podemos permitir que os nosos fillos sexan os prexudicados por unha mala xestión da Xunta. A educación é un dereito fundamental e seguiremos loitando para que se respecte no noso colexio”, sinalaron os organizadores.
A pasada semana enviaranse sendas cartas Alfonso Rueda, Presidente da Xunta, a Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, “non recivindo ningunha resposta”. Ante a pasividade da administración, estase a preparar unha concentración en Santiago para a vindeira semana, “no caso de que esta semana non se reciba unha resposta por parte da Xunta” .
A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro amosou a súa unidade e firmeza na defensa do ensino de calidade e deixou claro que, se non se atende a estas reivindicacións, as concentracións e protestas continuarán.