Site icon Crónica3.com A Mariña

Muras presume de tradición gandeira nunha exitosa Feira do Poldro

Lugo, 22 de setembro de 2024. Muras celebrou domingo un nova edición da Feira do Poldro, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A tenente de alcalde e coordinadora da Feira Paula Gómez valorou “moi positivamente” a xornada e agradeceu “a colaboración das ganderías que arrimaron o ombreiro e trouxeron todos os animais que puideron tanto para a feira como para as carreiras e o desfile de monturas, enchendo os curros e o recinto feiral de actividade, e da asociación de” e “a visita de todas as persoas que se achegaron hoxe a Muras”, así como “da asociación de cabaleiros Atila e Puraga, que colaboraron na organización e nas actividades”

A responsable municipal explicou que “é unha feira moi importante para a veciñanza, polo que asumimos a organización coa responsabilidade de intentar que todos se sintan recoñecidos, representados e co seu lugar”.

A querencia de Muras pola feira e a gandería remarcouse cun photocall á entrada do recinto cun texto en que se definía a feira como “un día que Muras leva no peito” e se lembraba a “avós, avoas, nais, pais, veciñas e veciños que tanto nos ensinaron desde mundo cabalar, da constancia, do traballo, do valor da palabra, da supervivencia e de saber tourear a arte do trato”.

Ademais dos curros cos animais á venda -unicamente gando cabalar, xa que se optou por non incluír vacún de forma preventiva ante a incidencia da EHE -, o recinto acolleu actividades como unha demostración de ferraxe de cabalos, unha exhibición de escultura de madeira, un desfile de montura tradicional e carreiras de andadura, así como numerosos postos de comida. Un dos máis concurridos foi o de degustación de hamburguesa de carne de Pura Raza Galega, no que esgotaron as existencias.

Exit mobile version