Site icon Crónica3.com A Mariña

Muras celebra o 22 de setembro unha nova edición da Feira do Poldro, que enxalza a tradición de gandaría extensiva no concello

O Concello de Muras organiza a feira, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Muras, 10 de setembro de 2024. O Concello de Muras celebrará o vindeiro 22 de setembro unha nova edición da Feira do Poldro, co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A deputada Iria Castro, o alcalde de Muras Manuel Requeijo e a tenente de alcalde Paula Gómez -coordinadora do programa da feira-, acompañadas polo presidente da Asociación de Cabaleiros Atila Benigno Gómez, presentaron no Alto da Gañidoira o programa da feira, que pon en valor a tradición gandeira e promociona a carne de poldro

A actividade no recinto feiral arrancará ás 10.00 horas e prolongarase durante toda a mañá con actividades como a calificación de gando, exhibición de escultura de madeira con motoserra, un concurso morfolóxico de Puraga, demostración de ferraxe, desfile de montura tradicional e cabalos engalanados e carreiras de andadura. Ás 12.30 horas as persoas asistentes poderán degustar a hamburguesa “Gañidoira”, con carne de poldro 100% Raza Autóctona.

O espazo acollerá unha exposición fotográfica – ”Muras, recordos e identidade. A identidade exténdese ata onde chegan os recordos” – de Maider Pumariño Riguera, un posto co proxecto RURALtXA e actividades hípicas e hinchables para nenas e nenos. A música será a cargo do Dúo Gaia e No Cómbaro.

Paula Gómez destacou a tradición da feira “que cumpre trinta e seis edicións poñendo en relevo a actividade gandeira, moi importante no concello de Muras, e exaltando e promocionando a carne de poldro e de vacún, un produto autóctono e de gran calidade, de animais criados en liberdade e cunha alimentación natural”.

A tenente alcalde, coordinadora do programa da feira, destacou tamén que “ é un día de recoñecemento a avós, avoas, nais, pais, veciñas e veciños que xa non están con nós pero que nos ensinaron moito sobre o mundo cabalar e vacún, sobre o valor da constancia, da palabra e do trato” e agradeceu “a gran colaboración dos gandeiros e gandeiras que acurran e trasladan os seus animais a Gañidoira, que son quen realmente conforman a feira”

Iria Castro valorou “a tradición desta feira gandeira que, ademais de xenerar unha actividade económica importante, supón unha oportunidade para recoñecer e trasladar ao conxunto da sociedade o valor ambiental, social e cultural da gandería e dos sistemas tradicionais de cría no monte” e destacou “o traballo do goberno municipal para desenvolver iniciativas e proxectos vinculados ao aproveitamento dos recursos naturais para dinamizar economica e socialmente o concello”

O recinto feiral non contará nesta edición con gando vacún, como medida preventiva ante a inicidencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) e da lingua azul.

Programa

Domingo, 22 de setembro

· 10.00 h. Apertura da feira

– 10.30 h. Calificación do gando

– 11.00 h. Exhibición de escultura de madeira con motoserra

– 11.30 h. Concurso morfolóxico Puraga

· 12.00 h. Demostración de ferraxe

– 12.30 h. Degustación de hamburguesa “Gañidoira” de carne de poldro 100% Raza Autóctona

– 13.00 h. Desfile montura tradicional e cabalos engalanados Puraga

– 15.15 h. Presentación de carreiras de andadura

– 15.30 h. Comezo carreiras de andadura (so remate entrega de premios)

Actividades infantís de balde:
Bautismo hípico (Pony Club), de 12.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas
Hinchables e toro mecánico, de 11.30 a 14.30 horas.

Animación musical:
– Dúo Gaia
– No Cómbaro

Exit mobile version