Site icon Crónica3.com A Mariña

Míriam Bermúdez: “A nova ordenanza de convivencia, limpeza e residuos de Viveiro ten o obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e protexer o medio ambiente”

Viveiro, 3 de setembro de 2024. A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Viveiro, dirixida pola tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez, anuncia a elaboración da nova Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia, Limpeza e Residuos, que se prevé aprobar no pleno deste mes de setembro.

“Esta ordenanza ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos veciños e a protección do medio ambiente, en consonancia cos principios da economía circular e o deber de conservar un entorno urbano limpo e saudable”, explica Míriam Bermúdez.

No concello de Viveiro hai máis de 3.000 cans rexistrados con chip, polo que resulta indispensable tomar medidas que aseguren un control axeitado da limpeza viaria e a correcta xestión dos residuos xerados polos animais. É habitual ademais atopar enseres como mobles ou electrodomésticos abandonados en lugares non autorizados, o que supón un perigo e deterioro da imaxe da nosa vila.

“A ordenanza aborda tamén a necesidade de que os propietarios de solares os manteñan en boas condicións, facendo referencia a casos específicos como a parcela situada preto da pizzería Variante, o Pazo Malates ou a zona do Rego das Flores”, engade a tenenta de alcaldesa.

Unha mención especial merece a problemática das cabichas, que adoitan ser tiradas á vía pública e acaban frecuentemente nas alcantarillas de pluviais.

Esta práctica ten consecuencias moi graves, pois as cabichas acaban nas rías, contaminando a auga e prexudicando o ecosistema mariño. Por isto, faise un chamamento á cidadanía para que abandone este hábito nocivo e colabore na preservación do medio ambiente.

Outra cuestión preocupante é o uso incorrecto dos contedores de lixo. Moitas persoas deixan as bolsas de lixo fóra dos contedores por non agardar ao horario establecido para o quita e pon, ou non respectan o depósito de cada fracción no seu contedor correspondente.

“Estas prácticas non só contribúen á sucidade das rúas, senón que tamén dificultan o traballo dos servizos de recollida e xestión de residuos, ademais de impactar negativamente no medio ambiente. Por tanto, desde a Concellería de Medio Ambiente faise un chamado ao respecto destas normas básicas para garantir un Viveiro máis limpo e sostible”, remata.

Sancións

A Ordenanza Municipal Reguladora da Convivencia, Limpeza e Residuos recolle infracións leves (sanción de 50 a 750 euros) por tirar tirar cabichas, papeis, chicles ou outros desperdicios na rúa; non manter limpos solares; non manter limpa a área ocupada por terrazas ou veladores de bares e restaurantes, ou non recoller as feces dos animais domésticos.

Infraccións graves (sanción de 751 a 1.500 euros) por actuacións que atenten contra a integridade física de terceiros, a seguridade ou a salubridade públicas; cometer tres infraccións leves nun ano; obstaculizar as labores de inspección do Concello para asegurar o cumprimento da Ordenanza; realizar pintadas en elementos estruturais, beirarrúas, mobiliario urbano, muros e paredes, ou depositar residuos voluminosos na vía pública sen previa comunicación e confirmación da empresa concesionaria.

Por último, recolle infracións moi graves (sanción de 1.501 a 3.000 euros) por actuacións que causen danos graves ao medio ambiente ou poñan en perigo a saúde ou seguridade das persoas; crear ou utilizar vertedoiros non controlados, ou o abandono ou vertido de residuos perigosos.

Exit mobile version