Site icon Crónica3.com A Mariña

Mily Osorio e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, ofrecerán o luns a conferencia inaugural do curso no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Ribadeo, 11 de setembro, 2024. O luns 16 de setembro ás 16.00 h., terá lugar, no salón de actos o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, a inauguración do curso escolar 2024-2025 cunha conferencia a cargo de Mily Osorio e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo.

Baixo o título “Eduardo Rodríguez Osorio, home de camiños”, Mily Osorio, presentará a figura do seu pai, quen foi profesor de debuxo neste centro desde 1955 a 1963, anos nos que realizou algunhas das súas mellores obras. Unha presentación que versará sobre aspectos persoais e anécdotas, e que irá acompañada da proxección dun audiovisual sobre a vida e obra do escultor.

A continuación, e grazas á colaboración do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, compartirá cos asistentes os seus coñecementos sobre a obra do escultor e a súa vinculación co Museo e coa Deputación de Lugo, como alumno pensionado.

Desta maneira, o Instituto de Ribadeo rende homenaxe ao escultor Eduardo Rodríguez Osorio, que foi merecedor de numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa vida. A el está dedicada a axenda escolar deste ano, que será repartida a todos os alumnos.

Exit mobile version