Os encontros terán lugar nos concellos de Sarria, Lugo, Barreiros e Becerreá, abarcando así toda a provincia e achegando a iniciativa ás diferentes comarcas gandeiras
Lugo, 3 de setembro de 2024. A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza para os vindeiros días catro encontros con gandeiras e gandeiros de Raza Rubia Galega para presentar o programa Marela!. Esta iniciativa, que busca a promoción e potenciación das reprodutoras inscritas nas explotacións da provincia de Lugo, chegará así dun xeito directo ás persoas que traballan nas granxas con vacún autóctono de Rubia Galega na provincia de Lugo.
Marela! naceu co obxectivo de promover o desenvolvemento do sector gandeiro, como sector estratéxico da economía da provincia, co fin último de propiciar as condicións óptimas para que se produza unha fixación real de poboación no medio rural. Así, os encontros serán na Casa da Cultura de Sarria, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, na Escola de Celeiro de Mariñaos no Concello de Barreiros e na Casa da Cultura de Becerreá entre o xoves 5 e o luns 9 de setembro.
O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García explicou que estes encontros permitirán “resolver dúbidas e axudar a gandeiros e gandeiras a achegarse ao programa e presentar correctamente toda a documentación. Como xa anunciamos, Marela! conta cun orzamento de 200.000€ e beneficiará a 500 animais con axudas unitarias de de 400€ por animal, cun límite máximo de 6 animais por granxa que cumpren cos criterios establecidos nas bases. Tratamos de simplificar o procedemento administrativo para axilizar a tramitación das axudas”.
Dende hoxe, martes 3 de setembro, xa se poden inscribir as solicitudes ata o 23 de setembro. O material necesario para a solicitude estará á disposición de todas as persoas interesadas no BOP da provincia de Lugo do 2 de setembro, así como na propia sección da área rural na páxina web da Deputación de Lugo. A documentación deberá rexistrarse a través da sede electrónica da Deputación de Lugo ou fisicamente no Rexistro provincial.
Características dos solicitantes
Poden ser beneficiarias tanto as persoas físicas como xurídicas, titulares de da provincia de Lugo, que críen animais bovinos de pura raza Rubia Galega, sempre que posúan polo menos unha femia reprodutora desta raza, nacidas nas propias granxas, que pasara o Rexistro Definitivo do seu Libro Xenealóxico durante o pasado 2023.
Ademais deben ter acreditado como mínimo un parto antes dos 30 meses, que superen unha cualificación lineal mínimas e 40 puntos, que non posúan defectos e que obteñan un resultado positivo de filiación cos seus proxenitores (un test de paternidade e maternidade). Os animais beneficiarios da axuda deben permanecer polo menos durante 3 anos na granxa do titular solicitante.
Axenda completa
Xoves, 5 de setembro
Casa da Cultura de Sarria
20.00 horas
Venres, 6 de setembro
Salón de Actos da Deputación de Lugo
13.00 horas
Luns, 9 de setembro
Escola de Celeiro de Mariñaos, Concello de Barreiros
12.00 horas
Casa da Cultura de Becerreá
19.00 horas