Site icon Crónica3.com A Mariña

Mariña Gueimunde: “O PSOE non ten intención de cumprir con XViveiro como demostra a súa abstención para a celebración dun Foro Económico, un dos puntos do seu acordo programático”

A proposta dos populares, que se corresponde cun dos puntos do acordo entre XViveiro e os socialistas, saíu aprobada cos votos a favor do PP e XViveiro e as abstencións de PSOE e BNG

Viveiro, 26 de setembro de 2024. Os concelleiros do Partido Popular lograron aprobar no pleno deste mércores a súa iniciativa para instar ao Concello a promover a celebración dun Foro Económico para analizar a situación e propoñer medidas para reactivar a economía local cos votos a favor de XViveiro e as abstencións de PSOE e BNG.

“É curioso que o PSOE se absteña na votación”, é dicir, que non apoie esta iniciativa que se corresponde cun dos puntos do acordo programático entre socialistas e XViveiro para investir alcaldesa á señora Loureiro, explica a portavoz popular Mariña Gueimunde. “Tiñan xa un compromiso real coa súa celebración porque estaba xa no acordo. Pero isto indica que non hai intención ningunha de cumprilo. Nin este punto nin ningún dos que restan”, subliña.

Coa celebración do Foro Económico en Viveiro, os populares pretendían “buscar algunha solución a través de propostas dalgún proxecto ou idea que nos saque deste letargo tralo peche de industrias e as dificultades ás que se enfrontan diariamente comercios, autónomos e PEMES”.

Por outra banda, os populares consideran “unha tomadura de pelo” o recoñecemento extraxudicial de crédito que o goberno local de PSOE e BNG levou ao pleno deste mércores con facturas do ano 2023 por valor de 125.275 euros; toda vez que “o anterior era o último e nin sequera o será porque teremos outro a finais de ano polo menos para pagar as facturas da luz porque xa se acabou a partida consignada para ese fin”.

Nesta ocasión, os concelleiros do Partido Popular que teñen apoiado outros recoñecementos anteriores, “non imos participar” porque “non queremos participar en ningunha irregularidade”. Gueimunde explica que “consideramos que moitos dos gastos non son necesarios” e, incluso, outros “son de dubidosa procedencia”. De feito, “non souberon explicarnos en que se gastaron 6.300 euros na limpeza de praias no mes de novembro” polo que “cremos que non se corresponde co que recolle o concepto”.

“Estes máis de 125.000 euros son a maiores dos outros 835.000 euros que xa se aprobaron en pleno para pagar facturas pendentes do ano 2023. Son máis de 1 millón de euros que condicionan terriblemente as inversións de cara a este ano e os próximos”, explicou Mariña.

A popular lembrou que “o noso Grupo Municipal levara a pleno unha iniciativa para rematar con esta forma de proceder: realizar gastos sen consignación orzamentaria, sen seguir o procedemento de contratación que marca a lei, etc”.

CONCILIACIÓN

Os populares tamén presentaron un rogo en relación ao programa ‘Madrugadores’ que poden implantar os Concellos ou as Anpas nos colexios públicos para atender ao alumnado antes de que comece o horario lectivo. “A Xunta convoca axudas, financiadas polo programa Corresponsables, para que os Concello poidan adherirse; pero o goberno municipal de Viveiro non as solicitou. Solo solicitou para campamentos de verán e atención a menores a domicilio. O goberno bipartito non só non solicita axudas, senón que tampouco presta axuda ás Anpas para que teñan máis posibilidades de acceder ás axudas da administración autonómica”.

Mariña Gueimunde engade que “tampouco segue colaborando co programa ‘Educando en familia’ que levaba anos implantado en Viveiro. Isto demostra claramente a nula aposta do Concello de Viveiro pola conciliación”.

REUNIÓNS COA XUNTA E COS PORTAVOCES MUNICIPAIS

A popular afeou a Loureiro no pleno que “en 8 anos nos que fun xefa territorial de Educación non se puxera en contacto comigo para pedir unha reunión ou trasladar necesidades de ningún centro educativo. E a pesar diso, recibiron máis de 3 millóns de euros en 8 anos para melloras porque sempre trato de tirar por Viveiro”.

Gueimunde púxose a disposición da alcaldesa e, incluso, lle ofreceu recibila este mesmo xoves. No encontro que se celebrou nun clima de concordia e colaboración, Gueimunde ofreceuse a trasladarlle ao delegado da Xunta en Lugo as necesidades do Concello.

A portavoz popular pediu durante o pleno que “nas reunións con representantes da Xunta sobre temas importantes para Viveiro -como pode ser a variante, o PXOM, etc.- estean presentes os portavoces de tódolos grupos da corporación municipal.

Exit mobile version