Lugo, 11 de setembro de 2024. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde da Pastoriza, Darío Cabaneiro, mantiveron hoxe unha reunión de traballo na Delegación Territorial para abordar as próximas actuacións que o Goberno galego vai executar no municipio en materia de infraestruturas.
Arias referiuse aos traballos de reforzo do firme e a mellora da sinalización horizontal que proximamente se executarán na estrada autonómica LU-122 entre Paraxes (A Pastoriza) e Lourenzá. Actuarase en concreto no tramo Paraxes-Cruz da Cancela, nunha lonxitude de 20,12 quilómetros. A Xunta destina a esta actuación uns 570.000 euros.
O delegado territorial subliñou o esforzo do Goberno galego para manter as vías da súa titularidade nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios. Destacou ademais a importancia da coordinación entre as administracións autonómica e local para garantir a eficaz prestación dos servizos públicos, especialmente nos concellos rurais e con menor poboación, que dispoñen de menos recursos.