O técnico burelés cumprirá a súa terceira campaña no club e tamén seguirá dirixindo ao filial e ao xuvenil burelista
Campo asegura que o pasado curso “supéraronse as expectativas todas” coas que iniciaran o traballo. “O filial ganou a Liga e a Copa, co ascenso a Preferente incluído, e o xuvenil foi subcampión de España en Málaga. O do filial podía máis ou menos entrar nos plans, pero o que fixo o xuvenil foi unha sorpresa para todos e creo que foi a constatación de que se está traballando ben”, apunta o técnico.
Para esta campaña, Jairo é consciente de que os retos serán aínda máis complicados, sobre todo no relativo ao equipo filial. “O noso obxectivo na estrea en Preferente vai ser tentar competir e asentar o equipo nunha categoría de moito máis nivel e que xa é moi esixente. Seguiremos contado con catro sénior (Silvia Rubal, Cris Blanco, Sofía e Rissiana) e o resto van ser xuvenís. Esta categoría vainos esixir traballar conceptos diferentes e vai ser moi bo para as máis novas porque require facer un traballo continuo e vai ser un reto tentar estar a un nivel alto todas as semanas, algo que non era preciso o pasado ano”, analiza.
A primeira proba xa vai ser este venres en Dumbría, onde se medirán a un histórico como o Fisober FSF (18:30 horas). “Foron segundas o ano pasado, loitando ata o final co Grupo Forma-T Vilalba polo ascenso a 2ª División e na terceira xornada visitaremos ao Cidade das Burgas, que vén de 2ª, pero que é un equipo moi mítico da máxima categoría. A pesar de ser un filial, moitos partidos van ter o atractivo suficiente para que a xente se achegue ao pavillón”, asegura.
A única baixa do equipo filial será a da porteira Ester, que se incorporou ao Composala santiagués por cuestións académicas, así como a de Aroa, unha futbolista que botou algunha man puntual no filial e este verán marchou cedida ao Grupo Forma-T Vilalba. Ao cadro burelense chegou a xuvenil riotortense Mara, que procede do Ribeira FS.
Ademais de asentar ao equipo en Preferente, outra das funcións do filial e o xuvenil será “seguir axudando no que se poda ao primeiro equipo, como xa fixeron o ano pasado Aroa, Cris Blanco, Irene, Ester ou Lola en moitas adestramentos e mesmo en partidos e fases finais. O feito de subir a Preferente tamén axudará a que o salto entre un conxunto e o outro sexa un pouco menor”, explica.
En canto ao resto da base feminina, Jairo Campo explica que “imos contar con preto de 60 licenzas e seguimos coa captación de nenas. O noso obxectivo é crear pertenza e que siga habendo ese vínculo entre a base e o primeiro equipo que fai que estas nenas vaian animar ás maiores e algunha destas se involucre na base como Antía, que vai seguir comigo de segunda adestradora, ou Irene Samper, que o ano pasado dirixiu aos máis pequenos e pequenas. Ademais, Silvia Rubal encargarase de guiar ao alevín feminino e Cris Blanco ao benxamín”, conclúe o coordinador.