Site icon Crónica3.com A Mariña

Finalizados en Barreiros os traballos de limpeza do tramo urbano do río de San Miguel

Os traballos foron realizados por persoal municipal, de acordo coas autorización obtidas do ente responsable, Augas de Galicia

Barreiros, 24 de setembro de 2024. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e o concelleiro de medio ambiente e rural, Dámaso Ratoeira, revisaron os traballos realizados polo persoal municipal no relativo ao adecentamento e limpeza do tramo urbano do Río de San Miguel.

A rexedora explicou que se fixeron traballos de limpeza de silveiras e retirada de parte de pés de amieiros que afectan ao leito, así como os sedimentos que poden obstaculizar as entradas das Pontes. Ana Ermida manifestou a “satisfacción cos traballos realizados, xa que é un procedemento complexo para o que tivemos que realizar estudos e memorias coas que lograr compaxinar as necesidades sociais e ornamentais coas medioambientais, tal e como requiren as autorización obtidas de Augas de Galicia tras un minucioso procedemento”.

O concelleiro de medio ambiente e rural explicou que cos traballos realizados “o que se pretende é non só abrir o leito do río, senón tamén mellorar a calidade ambiental do mesmo, pretendendo obter una masa arbórea que non sexa perigosa para o discorrer da auga e ao mesmo tempo cree unha capa vexetal que mellore a calidade da biodiversidade vinculada ao río”.

Estes traballos enmárcanse no plan que o goberno municipal puxo en marcha para a mellora do centro urbano de San Miguel, no que xa se instalaron elementos de ocultación dos colectores de lixo e onde se realizarán outros traballos de mellora do entorno nos seguintes meses.

A alcaldesa aproveitou para felicitar á veciñanza barreirense pola celebración das festas que pechan a tempada e que terán lugar nesta fin de semana en San Cosme e San Miguel.

Exit mobile version