Clausurados os campamentos de verán co espectáculo de Paco Nogueiras “Radio Bule Bule”
Este programa tivo como obxectivos potenciar a integración das nenas e nenos residentes no concello de Barreiros e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e profesional das unidades familiares do termo municipal, durante os meses de vacacións estivais adecuando os campamentos ás familias do municipio. Outro dos obxectivos foi promover o desenvolvemento cognitivo, psicomotor, afectivo e social dos nenos e nenas con actividades físico-deportivas, artístico-expresivas e culturais ao aire libre desde unha perspectiva lúdica.
As actividades desenvolvidas centráronse tamén en coñecer tradicións asociadas a festas tradicionais, fomentar hábitos de vida saudables, respectar e preservar o medio natural.
Tamén se achegou aos nenos e nenas a prácticas básicas de primeiros auxilios e de reanimación cardiopulmonar, algo que é moi importante coñecer desde as idades máis temperás.
Puxo o colofón a estes campamentos de verán un concerto do músico e artista Paco Nogueiras co seu espectáculo “Radio Bule – Bule”, que fixo as delicias das crianzas e dos numerosos país e nais que participaron no evento.
Asistiron tamén a concelleira de Educación e Igualdade, Montserrat Porteiro, a concelleira de Asuntos Sociais, Carmen Veiga, e o alcalde accidental, Antonio Veiga Outeiro.