En palabras de Camino Casabella
“Esta é a miña homenaxe a unha serie de mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día.
Decidín poñelas en primeiro plano, porque as mulleres foron fundamentais no pasado, e son clave para o presente e o futuro.
A lista destas mulleres é diversa e infinita. Xente guapa coma Sinéad O’Connor, Carola Rackete, Rosa Parks, Fernanda Arrojo ou Vero Boquete, entre moitas outras.
A súa resistencia fronte a actitudes represoras é un exemplo de feminismo persistente e apoderado que non vemos a miúdo, pero que chegou para quedar.
O meu propósito é poñer no foco de atención as historias da vida e da carreira destas mulleres; todas elas queren traballar para contribuír á sociedade, e fan fronte a grandes desafíos co propósito de superalos.
Son mulleres abrindo camiño para que máis mulleres se adiquen a profesións tradicionalmente dominadas polos homes. Mulleres pioneiras, que rachan estereotipos de xénero, e adoitan roles de liderado. Mulleres que axudan a outras a acada-las súas metas. Mulleres e nenas que alzan a voz polos seus dereitos e loitan por eles.
En ocasións, experimentaron reaccións negativas por parte dalgúns detractores. Pero por cada un deles, hai un milleiro de persoas que se aledan de ver cara a onde se dirixe o mundo para as mulleres.
En ningunha parte do planeta as mulleres teñen tantas oportunidades coma os homes. Actualmente, en todo o mundo hai 122 millóns de nenas fóra da escola. Globalmente, a fenda salarial entre homes e mulleres é de aproximadamente un 20%. As mulleres están insuficientemente representadas nos parlamentos nacionais na maioría dos países, xa que tan só un 26,9% dos parlamentarios do mundo son mulleres.
Xa era hora de que a súa voz fose escoitada, e de que comezásemos un movemento para que haxa xustiza para tódalas mulleres e nenas, en todo o mundo.
Este proxecto é para todas elas”.
A exposición poderase visitar, con entrada libre, os días: sábado, 07/09/24, de 10:00 a 14:00 horas; venres, 13/09/24, de 16:30 a 20:30 horas; e sábado, 14/09/24, de 10:00 a 14:00 horas.