Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado terán lugar os actos centrais de celebración do cuarto centenario da construción do primeiro Forte de San Damián

Ribadeo, 26 de setembro de 2024. Este sábado, 28 de setembro, terán lugar os actos centrais de celebración do cuarto centenario da construción do primeiro Forte de San Damián. Haberá unha exposición, visitas guiadas, música e teatro.

A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, contou que “neste 2024 cúmprense 400 anos da construción do primeiro Forte de San Damián. Ó longo do ano foron levándose a cabo diferentes actividades para celebrar esta data e para dar a coñecer a historia do noso Forte como visitas guiadas, conferencias, presentacións de libros…”.

A edil ribadense subliñou que “este sábado damos un paso máis e inauguramos unha exposición permanente, que é o primeiro paso para o que será o centro de interpretación do Forte de San Damián. Esta instalación estará aberta todo o día para que poida visitarse libremente ou con guía. Ás 20:30 horas teremos a inauguración oficial, pode parecer unha hora rara pero o importante ven a continuación: desfrutaremos dun concerto da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que nos levará a percorrer diferentes capítulos da historia do Forte. Axudarannos nesta viaxe o Grupo de Teatro de Ribadeo e tamén unha proxección de imaxes. Será no exterior do Forte por iso precisamos de que non haxa luz e por iso a hora acordada son as nove da noite”.

Sanjurjo engadiu: “quero agradecer a súa colaboración desinteresada á Banda e o Grupo de Teatro e sobre todo a Begoña García (técnica de Turismo) e a Alberto Paraje polo traballo feito ó longo do ano para que isto chegue a bo porto. Anímovos a todos e todas a coñecer o Forte e gozar deste concerto con moita historia”.

Presentación

Por outra banda, tamén esta sábado estará en Ribadeo o escritor Manel Loureiro, que presentará a súa obra Cuando la tormenta pase, que foi Premio Lara. O autor estará acompañado por José Manuel Romero Moreno, Conde de Fontao. O acto terá lugar ás 19 horas no Salón dos Alcaldes do Pazo de Ibáñez.

Exit mobile version