Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado comeza a programación de outono no Teatro das Cortes no lugar de Xestoso, O Vicedo

O Vicedo, 24 de setembro, 2024. A Asoc.Cultural Volta e Dallé organiza o vindeiro sábado unha tarde de música e teatro para comezar outono.

Ás 18h Concerto do cantautor Xosé Constenla

Xosé Constenla presentará o seu disco – libro “Para non esquecer” Gravado nun antigo campo de concentración franquista na Pobra do Caramiñal , este disco é unha gran aportación para a Recuperación da Memoria Histórica e a lembranza da loita antifranquista en Galiza.

Ás 19:30h Actuación de Clara Gayo e Carlos Santiago. “Gayo e Santiago, teatreiras en paro”

Clara Gayo e Carlos Santiago, dramaturgas de longo alento unidas pola máis fonda amizade, xuntan forzas para animarse no medio da crise e a desesperación que persegue ás autoras e autores de teatro feito na Galiza. Para conxurar a situación, e armados da máis destemida retranca, poñen pé no Teatro das Cortes para nos convidar a un pequeno paseo pola súa obra, nunha leitura dramatizada de textos e escenas que deron voltas polos máis variados palcos da península ibérica.

Ás 20:30h Concerto de Cé Orquestra Pantasma

Remate da xornada co grande home orquestra!

A entrada será de balde. As actividades están organizadas pola A.C. Volta e Dálle e contan co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Exit mobile version