Alcaldesa e Concelleiro trasladaron o esforzo de investimentos realizado polo Administración Local, conscientes da necesidade de actuar dun xeito inmediato, constante e programado
Barreiros, 26 de setembro de 2024. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, acudiu acompañada do concelleiro de Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira, a unha xuntanza co director xeral de Augas de Galicia, na que tamén participou o xerente do organismo.
A rexedora tiña solicitada esta xuntanza, ao igual que con outras instancias da administración galega, para trasladarlles unha situación na que se precisa “altura de miras e responsabilidade na xestión”.
“Non é só a situación actual, senón a que vai darse a medio prazo, coa reactivación da execución dunhas licencias que foron outorgadas sen a existencia de servizos e que condicionan a evolución real do municipio”, asegura.
Ana Ermida cualificou a xuntanza como “esperanzadora”, xa que “se abriu unha vía de diálogo e cooperación que agardamos que poida dar os froitos esperados”.
A alcaldesa manifestou ante o director xeral a súa preocupación por unha insuficiencia de servizos que “se xa é notable agora mesmo, vai ir a peor no momento en que se executen licenzas que foron autorizadas pola propia Xunta no seu día vinculadas a un investimento de 14 millóns de euros que non chegou a realizarse.”
“Son licenzas concedidas e en vigor, cos condicionantes que se puxeron naquel momento e que vinculan a execución; sen que a normativa existente permita modificalas por parte deste goberno municipal”.
Ana Ermida explicou que os anuncios de obras novas non son máis que “retomar as obras que quedaran paradas arredor do ano 2007, executándose acorde ás licenzas que se concederon naquel momento e, polo tanto, ás normas técnicas vixentes entón”.
A depuradora de San Miguel, o epicentro da reunión
Aínda que no decorrer da xuntanza se trataron diversas cuestións, tanto de saneamento como de abastecemento, o núcleo da mesma foi a construción da depuradora de San Miguel, por ser a que debera dar servizo a todas esas vivendas autorizadas no seu momento.
Ana Ermida destacou a actitude cooperadora do director xeral de Augas de Galicia e amosou a esperanza de abrir novas vías que poidan permitir acadar a financiación necesaria para acometer as obras.