Barreiros, 28 de setembro de 2024. As antigas escolas do Canteiro acolleron a entrega dos primeiros premios Bítere de Honra Aurora Sampedro, que recibiron a catedrática de matemáticas da Universidade do País Vasco Marta Macho-Stadler; a título póstumo para María Antonia González Abraído, funcionaria de Extensión Agraria, que desempeñou o seu labor pola Terra Chá; e ao IES Lucus Augusti, que foi o instituto onde Aurora Sampedro cursou o seu bacharelato por libre.
Ducias de persoas encheron o Canteiro para seguir esta emotiva entrega de premios, que foi conducida pola xornalista María Cuadrado. O acto contou coa participación de Valentín García, secretario xeral de Lingua da Xunta; Manuel Rivero, autor do libro Universo Aurora e promotor dos premios Bítere de Honra. Asistiron ademais, entre outros, a alcaldesa, Ana Ermida, o xefe de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e o portavoz do PP no Concello barreirense, José Manuel Gómez Puente.
Ao remate do acto no Canteiro tivo lugar unha ofrenda floral a Aurora Sampedro e a María Antonia González, enterradas ambas no cemiterio de Benquerencia.