Ribadeo, 20 de setembro de 2024. Do 4 ao 6 de outubro terá lugar en Ribadeo a décimo novena edición das Xornadas Mar por Medio, que organiza a Academia Xacobea coa colaboración do Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e as Universidades de Santiago e de Oviedo.
O título elixido para este 2024 é o de Os Camiños de Santiago: itinerarios de espiritualidade, tradición e cultura. Ademais de conferencias e mesas redondas o programa inclúe a exposición As frechas amarelas na Oficina de Turismo, a actuación da Coral Polifónica de Ribadeo na igrexa parroquial e o concerto de Manoele de Felisa, músico, compositor e cantante.
Entre os poñentes destaca a presenza en Ribadeo do Arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto Fernández.
O alcalde, Dani Vega, destacou que “as Xornadas Mar por Medio non paran de medrar. Mostra diso é que reúnen a dúas Universidades: a de Santiago e a de Oviedo, que participa por primeira vez, e a varios expertos de tres Universidades, ademais de xornalistas e estudosos dos Camiños de Santiago”.
O vindeiro luns, 23 de setembro, ábrese o prazo de inscrición para asistir ás Xornadas Mar por Medio. As persoas interesadas poden facelo en www.academiaxacobea.gal
No acto de presentación que tivo lugar no Salón dos Alcaldes, do Concello de Ribadeo, participaron Valentín García, secretario xeral de Lingua; Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea; Begoña Sanjurjo, concelleira de Cultura; Manuel Valín, licenciado en xeografía e historia e profesor; e o alcalde, Dani Vega.