Os tres primeiros premios foron para Nego, Diego Domínguez e Ennaidd Capillo
O xurado estivo integrado por Martín Lestao e Belén Mogo, artistas locais, e mais por Silvia Fiallega, xestora cultural que foi presidenta da rede museística provincial. Valorouse nas obras a técnica, a composición, a creatividade, o aproveitamento do contedor e a integración da obra nel.
O primeiro premio, cunha dotación económica de 700€, foi para Nego coa obra “Sirenas”, da que o xurado destacou “o xogo cos misterios e co descoñecido, do mito do mar”, ademais do aproveitamento do espazo.
O segundo premiado, con 500€, foi Diego Domínguez coa obra “Climarte”, da que se resaltou “o cromatismo e o desenvolvemento da idea sobre o tema ecolóxico e o cambio climático, do que temos unha responsabilidade colectiva”.
Ennaidd Capillo recibiu o terceiro premio de 400€ con “Lapislázuli”. O xurado sinalou que esta foi unha obra “cunha técnica diferente á do resto, empregando só rotulador, unha composición con motivos locais e adaptada ao soporte”.
Os proxectos finalistas restantes foron os de Javier Eijo, Jesús San José, Malpegados, Stefano Umberto; e os colectivos formados por Barbara Leiro, Lucia Tellado e Lucía Geada e mais por Miguel Rivas, Isabel Cea, Begoña Romo e Alba Otero. Recibiron premios cunha dotación económica de 200€.
En total houbo 9 proxectos finalistas, logo dunha baixa de última hora do décimo proxecto inscrito que non se puido cubrir a tempo para a final do certame.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que, “a pesar do mal tempo que houbo o sábado, puideron levarse a cabo estas marabillosas obras de arte, que porán cor ás rúas de Burela”.
“Moitas grazas a todos os participantes, que realizaron con orgullo a súa obra, por compartir a súa arte connosco e polo interese en que esta iniciativa teña continuidade, de seguro volveremos vernos na seguinte edición”, sinalou a concelleira.