Faise coincidindo coa Folga Xeral promovida por diferentes organizacións, entre elas o propio Sindicato, reclamando medidas máis decididas contra o estado xenocida de Israel para o mesmo venres 27 de setembro, no que os locais do Sindicato en toda Galiza permanecerán pechados. Facemos un chamamento á cidadanía a secundar as accións previstas.
Durante os 76 anos no que o pobo palestino leva sufrindo a violenta ocupación do seu territorio por colonos israelís, o control por parte do Goberno de Israel da alimentación á que poden acceder foi unha constante. Non é unha coincidencia que a Área ‘C’ de Cisxordania, que comprende máis do 60% de Cisxordania, estea baixo a administración militar total das forzas de ocupación israelís. Non é unha coincidencia que sexa a terra más fértil e rica en recursos e non se permita utilizala ás labregas palestinas.
Ao longo de décadas o pobo de Gaza vén sufrindo altos niveis de inseguridade alimentaria, desemprego, confiscación de terras e mar e unha limitación estratéxica do seu acceso aos servizos esenciais necesarios para a supervivencia, sendo privado da súa dignidade e imposibilitado o seu dereito á soberanía alimentaria
A día de hoxe Israel está perpetrando un xenocidio contra Palestina, no que a fame é empregada claramente como arma de guerra. Ademais dos bombardeos masivos contra hospitais, escolas, vivendas, lugares de culto e toda infraestrutura básica, no que a maioría de vítimas están a ser mulleres e crianzas, Israel impón un bloqueo completo a Gaza, impedindo aos 2,3 millóns de palestinos/as acceder a alimentos. Ademais as persoas agricultoras e mariñeiras non poden traballar as terras agrícolas ni ao mar, gran parte do cal foi bombardeado como parte da estratexia de Israel de matar de inanición ás persoas que sobrevivan aos bombardeos.
Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos o cese inmediato do asalto israelí á Franxa de Gaza e Cisxordania, así como da súa actitude belixerante con outros países da contorna. As accións de Israel contra a poboación palestina, en extrema situación de vulnerabilidade, no deben quedar sen resposta. Corresponde á comunidade internacional aplicar medidas restritivas e esixir responsabilidades ao Estado xenocida de Israel polos seus crimes contra a humanidade.