O Valadouro, 10 de setembro, 2024. Ante a total perda de confianza por parte da alcaldesa do Valadouro nos concelleiros do grupo do PSdeG-PSOE que a apoiaran para ser investida alcaldesa o 17 de xuño do 2023, dona María José Fernández (UDIVAL) nun exercicio de responsabilidade como corresponde á máxima representante dos veciños e veciñas no Concello, quere trasladar que:
Vén de presentar formalmente ante o rexistro municipal a súa renuncia ao cargo de alcaldesa, manifestando a súa vontade de manter a acta de concelleira electa e de permanecer na Corporación municipal ata final do actual mandato.
Tamén vén de cesar da primeira e segunda tenencias de alcaldía designadas os concelleiros dona María Xosé Barreira (PSdeG-PSOE) e don Eduardo Chao (BNG), respectivamente, e de revogar a delegación de funcións nos concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE (dona María Xosé Barreiro e don Alejandro Fernández) e BNG (don Eduardo Chao e don Eliseo Teijeiro).
Así mesmo, vén de nomear ao concelleiro don José Manuel Lamela (PP) como primeiro tenente de alcalde do Concello do Valadouro.
E convoca para o 13 de setembro de 2024 a celebración dunha sesión extraordinaria para dar conta do nomeamento do novo tenente de alcalde e someter ao coñecemento do Pleno o escrito de renuncia da condición de alcaldesa.
Posteriormente, para a construción e desenvolvemento dun proxecto de futuro para o noso concello poñendo como prioridade os intereses dos veciños e veciñas, os concelleiros de ambas formacións apoiarán a candidatura á alcaldía de José Manuel Lamela, cabeza de lista da candidatura máis votada nas eleccións municipais do 28 de maio de 2023, nun novo pleno de carácter extraordinario para elixir novo alcalde e que se celebrará coa maior brevidade posible, e nun prazo máximo de 10 días atendendo ao artigo 40.5 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF), asumindo o Partido Popular a alcaldía do Concello do Valadouro.
Dona María José Fernández Díaz (UDIVAL), ao igual que ata o día da sinatura do presente escrito, seguirá traballando con absoluta transparencia, dedicación e esforzo en mellorar a xestión pública local no que resta de mandato 2023-2027, pero, neste caso, xa non como Alcaldesa senón na súa condición de concelleira elixida pola candidatura de UDIVAL.