A tenenta de alcaldesa e concelleira de Obras, Míriam Bermúdez, explica que “co desenvolvemento deste plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, o Concello poderá acometer a mellora do firme dun vial municipal que dá acceso a numerosas parcelas da parroquia, facéndoos máis utilizables”.
Míriam Bermúdez resaltou tamén que a reparación deste vial “permitirá ter unha vía alternativa á estreita estrada da Abrela, quedando pendente un estudo posterior para reorganizar os sentidos dos viais e evitar encontros de vehículos en zonas estreitas, onde se teñen dado incidentes no pasado”.
Pola súa banda, Ramón Martínez, concelleiro de Medio Rural, apuntou ademais que “neste caso tamén se fará unha canalización importante dun regato que anegaba unha zona do vial no lugar de Riquián”.
O edil destacou que “Viveiro posúe unha ampla extensión de terreo destinado ao mundo rural, e a maior parte das súas parroquias atópanse dentro deste ámbito con numerosos asentamentos de poboación, polo que a mellora das súas infraestruturas é unha das nosas prioridades”.
O orzamento destes traballos en Escourido vén financiado a través dunha subvención da AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.