Ribadeo, 14 de setembro, 2024. Na tarde deste mércores chegaba a Ribadeo un grupo de máis de 30 persoas de Loktudi, a vila bretoa irmandada con Ribadeo desde o ano 2006. Aloxaranse coas familias de Ribadeo coas que participan dos intercambios anuais.
Durante a súa estancia gozarán dun programa diverso de actividades, destacando as visitas de coñecemento de Ribadeo, tanto da zona urbana como da rural, da comarca próxima dos Oscos-Grandas e de Santiago de Compostela.
O sábado 14 terán lugar varios actos oficiais aos que se invita a acudir á cidadanía. Así, ás 12:00 horas, procederase á inauguración do Miradoiro de Loctudy-Loktudi, sito nas proximidades do Cargadoiro. Ese mesmo día, ás 18:30 horas terá lugar no Cantón unha actuación de música e danza tradicional, seguida ás 19:00 da recepción oficial no Concello. Estes actos contarán coa participación do Alcalde de Ribadeo e da Tenente de Alcalde de Loctudy, así como das representacións das asociacións de ambas localidades.