Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo será o escenario da II Mini BTT Medela MTB o domingo 29 de setembro

As inscricións poden realizarse a través da web da Federación Galega de Ciclismo

Cervo, 18 de setembro de 2024. O Concello de Cervo será o escenario da II Mini BTT Medela MTB o domingo 29 de setembro a partir das 10:00 horas.

Este evento federado desenvolverase nun circuíto que foi deseñado e trazado nunha parcela municipal do Polígono de Cuíña que lle foi cedida ao club Medela MTB para o desenvolvemento da súa actividade.

A cita deportiva, organizada por este club de ciclismo coa colaboración do Concello de Cervo, foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés e polo presidente de Medela MTB, David Riera, que estiveron acompañados por un grupo de rapaces que integran o club nas súa categoría base, e que tamén competirán na cita prevista para finais deste mes.

Os participantes xa se poden inscribir ata o 26 de setembro na web da Federación Galega de Ciclismo nas categorías Promesa Fem., Promesa B, Promesa A, Principiante Fem., Principiante B, Principiante A, Benjamin Fem., Benjamin, Alevín Fem., Alevín, Infantil Fem. e Infantil.

Os pequenos que estean federados e interesados en inscribirse na proba poden facelo de xeito gratuíto e os non federados terán que abonar 5 euros. O número máximo de participantes está fixado en 250 corredores

A rexedora quixo agradecerlles aos rapaces do Club Medela, unha vez máis, a súa gran dedicación “xa que están a investir moitas horas do seu tempo para poder poñer en marcha iniciativas deste tipo conseguindo que Cervo sexa un escenario excepcional e un referente para a práctica do ciclismo e inculcando desde as idades máis temperás a importancia que ten actividade física no día a día”. Polo que desde o Concello –engadiu- “non podemos máis que poñernos á súa disposición e colaborar en todo canto está na nosa man, como sempre vimos facendo con todas as asociacións e colectivos que traballan polo dinamismo do noso municipio”.

O Concello de Cervo anima a veciños e a visitantes a asistir e a participar nesta actividade que promove a actividade física, o deporte e a convivencia entre as crianzas, nunha aposta por fomentar un estilo de vida saudable.

Exit mobile version