Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo foi recoñecido co diploma de ouro por apostar por librar as praias de fume

Cervo, 18 de setembro, 2024. A rexedora, Dolores García Caramés, recolleu este mércores o galardón nunha acto que tivo lugar na Praia da Magdalena, no concello coruñés de Cabanas, da man do conselleiro de Sanidade

O galardón premia que o Torno, Cubelas, a Caosa e Rueta, sexan espazos libres de fume

O Concello de Cervo vén de ser recoñecido co diploma de ouro no marco do programa autonómico Praias Sen Fume, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, nun acto que tivo lugar na Praia da Magdalena, no concello coruñés de Cabanas.

A rexedora, Dolores García Caramés, recolleu a insignia da man do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez; un recoñecemento que Cervo comparte con outros 45 concellos galegos baixo o requisito de que todos os areais formen parte desta rede e sexan espazos libres de fume.

A alcaldesa recordou que un dos obxectivos desta iniciativa, que naceu no ano 2016 cun fin educativo e de sensibilización social, “pasa porque as crianzas e a nosa mocidade saiba que o normal é non fumar”, as praias son un espazo compartido por todos, desde os máis pequenos ata os nosos maiores, “e con esta medida de librar as nosas praias de fume avanzamos no noso compromiso coa saúde pública e a protección do medio ambiente”, engadiu.

A presenza de cabichas e de fume afectan á calidade da nosa contorna e á experiencia de quen busca un lugar limpo e saudable, polo que apostamos firmemente por asegurar que a nosa costa sexa un espazo máis seguro e sostible, apuntou.

Apostando por areais sen fume, non só coidamos da nosa saúde –afondou a alcaldesa- senón que tamén contribuímos á preservación da nosa contorna natural e ao coidado da nosa fauna mariña.

Nas praias que forman parte da rede sen fume –O Torno, A Caosa, Cubelas e Rueta, no noso caso- non existe vixilancia como tal, nin sanción para o incumprimento por parte dos cidadáns, senón que se trata dunha elección voluntaria e persoal, o que buscamos é a “participación activa da sociedade para converter as nosas praias nun exemplo de convivencia, respecto e conciencia medioambiental, nese obxectivo de normalizar o feito de non fumar”.

Exit mobile version