Cervo, 14 de setembro, 2024. Cervo acolleu esta fin de semana un curso sobre o manexo das colmeas para loitar contra a velutina, promovido pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Ao longo do sábado e o domingo persoal técnico da Casa do Mel de Goente explicaron ás persoas asistentes métodos preventivos para protexer as colmeas desta especie invasora, con horas de exposición teórica no Museo do Mar de San Cibrao e unha parte práctica na produción de Mel do Capón, na Senra.
O curso inclúese nun programa de formación en apicultura que está a desenvolver a área provincial, dirixida por Daniel García, co obxectivo de ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese por esta actividade entre as persoas máis novas.
O deputado mariñao explicou que “se trata de formacións gratuítas que inciden naquelas cuestións que preocupan e interesan ao sector como neste caso as posibilidades de protección fronte á vespa velutina e que tamén fomentan o intercambio de coñecemento e experiencias entre os produtores”.
Os próximos cursos celebraranse o 23 e 24 de setembro no IES San Rosendo de Mondoñedo, tamén sobre manexo das colmeas para loitar contra a velutina, e os días 5,6,19 e 20 de outubro en Barreiros, con contidos relacionados coa iniciación na apicultura. As persoas interesadas en asistir teñen que anotarse no enderezo casadomel@vodafone.es ou no
teléfono 661003616.
Desde o pasado mes de xuño, desenvolverónse actividades formativas tamén no Valadouro, Vilalba, Xove, Pantón e Muras.