Dende o PP fanse eco da proposta realizada polos familiares dos usuarios da residencia para buscar unha fórmula para asumir a suba entre ambas partes o que se traduciría “en que a suba sería moito menor do que está a pagar Cajoto cada mes”
O voceiro popular, Javier Castiñeira, afirma que a liña de traballo de Cajoto “abandonando este servizo, cústanos a todos os focenses 30.000€/mes (360.000e cada ano)”.
Un custo que podería ser moito menor se o alcalde tivese “a altura de miras suficiente” para sentarse a escoitar aos familiares dos usuarios da residencia que, conscientes da suba, propoñen a Cajoto unha fórmula para financiar esta suba entre ambas partes. “Se falase cos familiares e chegara a un acordo a suba sería moito menor do que está a pagar o alcalde cada mes”, anuncia.
Dende o PP insisten na súa proposta de crear unha residencia municipal para os focenses, pero “Cajoto segue inamovible na súa postura de non crear ningunha ou o que é peor facerlle a vida imposible aos usuarios e traballadores da actual”.
Unha situación que amosa ás claras o que quere o señor Cajoto: “Non quere que na residencia de Foz haxa veciños do noso municipio, pese a que todos os focenses queremos que esta residencia sexa, principalmente, para veciños de Foz e para iso ten que ser municipal”.