Site icon Crónica3.com A Mariña

Carmela López destaca a importancia do deporte na inclusión social na presentación da 12ª Marcha Ciclista de Special Olympics

Carmela López destacou “a estreita relación que mantemos desde a institución provincial co tecido asociativo vinculado ao eido social” e sinalou que “destinamos 8.000€ a este colectivo para a promoción das persoas con discapacidade intelectual da provincia”

Lugo, 26 de setembro de 2024. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, participou este xoves na casa consistorial do Concello de Burela na presentación da primeira etapa da 12ª Marcha Ciclista Unificada que organiza de Special Olympics. Esta proba, que se divide en catro fases e na que participarán persoas con e sen discapacidade, arrincará o 3 de outubro nos municipios de Burela e Cervo. Tras o seu paso pola comarca mariñá, a cita continuará o día 4 en Santiago de Compostela, o 5 percorrerá o concello de Carballiño e rematará o día 6 de outubro en Vilagarcía de Arousa.

Carmela López puxo en valor o “incansable esforzo que realiza unha vez máis esta entidade por sacar adiante a duodécima edición da Marcha Ciclista Unificada na que os participantes poderán percorrer diferentes puntos da xeografía galega, comezando por este municipio”.

Nesta liña, López Moreno sinalou que “o tramo que discorrerá pola comarcá mariñá será de algo máis de 20 quilómetros dos máis de 60 quilómetros totais desta cita que promove a práctica deportiva entre as persoas con diversidade funcional ou intelectual, ao mesmo tempo que fomenta valores como a solidariedade, a igualdade de oportunidades, ou a plena integración de todas as persoas na sociedade”.

Na súa intervención, a Deputada e Alcaldesa de Burela tamén destacou “a estreita relación que mantemos desde a institución provincial co tecido asociativo vinculado ao eido social. En concreto, a institución provincial colabora con esta entidade realizando unha achega económica de 8.000€ para a promoción das persoas con discapacidade intelectual da provincia”.

Exit mobile version