Foz estréase este domingo 15 como sede do CEN para acoller na praza Conde de Fontao a función de novo circo By ò Bu. Aproximación al no existir, das compañías navarras Yarleku e El Punto Gunea
Check out é unha das propostas máis premiadas este ano en Asturias. Adrián Conde foi galardoado co Premio Fetén ao Mellor Intérprete e tamén recibiu o Premio Oh! Das artes escénicas asturianas ao Mellor Espectáculo Infantil. Trátatse dunha comedia visual inspirada no cine mudo e na que o protagonista, Eugenio, é un mozo de servizo dun hotel que, entre equívocos, xogo de clown e moita diversión, descobre ao longo dunha xornada imprevista de traballo que non hai mellor futuro que vivir gozando do presente.
Dous días despois, o domingo 15, terá lugar a estrea de Foz como sede do Camiño Escena Norte, que este ano chega, na súa edición máis expansiva, a 13 localidades do país. As compañías navarras Yarleku e El punto Gunea aterrarán na Mariña luguesa para presentar By ò Bu. Aproximación al no existir, un espectáculo de novo circo dirixido a publico adolescente e adulto e que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser, que aborda no diálogo a posibilidade de deixar de existir. A función, que se representará na Praza Conde do Fontao – se chove trasladarase á sala Bahía-, comezará ás 21.00 horas e tamén será de acceso libre ata completar capacidade.
Habitación Peregrina PRO pechará o venres 13 o prazo de inscrición
A sexta edición de Camiño Escena Norte traerá novamente a Galicia a celebración do encontro escénico profesional Habitación Peregrina PRO, o espazo de convivencia onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.
Habitación Peregrina PRO celebrarase do 17 ao 19 de setembro no centro O Vello Cárcere, de Lugo, e, nesta ocasión, ábrese a participación ás compañías e axentes do sector profesional dos demais territorios do Estado, á fin de favorecer unha maior conexión cultural interterritorial. Durante as tres xornadas, abordaranse cuestións como a inclusión e accesibilidade a partir dun taller de teatro accesible impartido por Chévere, o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible ou mesmo cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día.
Ademais, tamén por vez primeira en Habitación Peregrina PRO, haberá novos espazos de convivencia en horario nocturno, que servirán para que as e os participantes descubran a gastronomía local ou mesmo coincidan nunha “pista de baile” grazas á actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!, que contará coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.
AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | DO 13 AO 15 DE SETEMBRO DE 2024
13.09, ás 19.00 horas | Santiago de Compostela
Praza de Praterías (en caso de choiva, será no Salón Teatro)
Check Out, de Adrián Conde Espectáculos (AST)
Teatro. Público infantil e familiar.
Entrada libre ata completar capacidade.
A vida de Eugenio transcorre no vestíbulo dun hotel, entre maletas soña con deixarlle aos fillos un futuro mellor. Un mozo de servizo diferente que, entre equívocos, xogo de clown e moita diversión, descobre ao longo dunha xornada imprevista de traballo que non hai mellor futuro que vivir gozando do presente. Unha historia que convida a reflexionar sobre a importancia da familia e sobre a que lle dedicamos o tempo.
15.09, ás 21.00 horas | Foz
Praza Conde de Fontao (en caso de choiva, será na Sala Bahía)
By ò Bu. Aproximación al no existir, de Yarleku e El Punto Gunea (NAV)
Novo circo. Público adolescente e adulto.
Entrada libre ata completar capacidade.
Un espectáculo como unha boa escusa para falar de algo tan real como é o necesitar, nalgún momento dunha vida, durmir para sempre. By ò bu. Aproximación al no existir é un espectáculo que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser. Este diálogo enmárcase nun espazo que ben podería ser a súa propia cabeza, chea de equilibrios e portas ás súas reflexións. Unha conversa sobre a súa existencia e a opción de deixar de existir.