Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela promociona os atractivos turísticos do municipio en Losar de la Vera, Extremadura

Burela, 14 de setembro de 2024. O Concello de Burela promociona os atractivos turísticos do municipio, e en particular a Feira do Bonito de Burela, nun acto celebrado en Losar de la Vera, Extremadura.

Preto de 40 persoas acudiron dende Burela a Losar de la Vera, incluíndo a representantes do Concello, a Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns A Moncloa, a Sociedade Cultural Recreativa Ledicia e a Fundación Expomar.

Participaron no acto o alcalde da vila extremeña Antonio Sánchez Díaz, o deputado provincial Pablo Miguel López Sánchez e o presidente da Mancomunidad Intermunicipal de La Vera, Samuel Martín García. Tamén varios membros do Losar Futsal, incluíndo á súa presidenta Esperanza Freire Salguero, e doutras entidades locais.

“O obxectivo é continuar poñendo en valor o atractivo turístico de Burela a nivel nacional, sempre ligado ao mar e ao noso produto estrela, o bonito de Burela, que se atopa no tramo final da súa tempada este ano”, destaca a alcaldesa Carmela López.

“Dentro dos atractivos turísticos da nosa vila, a Feira do Bonito de Burela é de interese turístico nacional e cada ano se outorga unha subvención ao Doncello por mor desta denominación que valora entre outros aspectos, as accións promocionais realizadas sobre ela”, sinala a rexedora.

López explica que “xa son moitos os lugares do noso país que contaron cun acto no que se da a coñecer Burela, o noso produto e a nosa tradición, e neste ano 2024 Extremadura foi a comunidade elixida para esta acción”.

A alcaldesa subliña que Burela “non é só un lugar cunha rica tradición pesqueira e gastronómica, senón tamén un destino cun encanto único e unha vibrante vida local, que queremos compartir e trasladar en actos como este”.

“Cada vez son máis os visitantes que atraemos á nosa vila, non soamente no verán, senón durante todos os meses do ano, e imos seguir traballando para por en valor os nosos recursos turísticos e a marca Burela Bonita”, afirma.

Exit mobile version