Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá o comezo das 12º Marchas Ciclistas Unificadas de Special Olympics este xoves

Burela, 30 de setembro de 2024. O Concello de Burela acollerá este xoves, día 3 de outubro, a primeira etapa das 12º Marchas Ciclistas Unificadas de Special Olympics Galicia.

A alcaldesa Carmela López destaca que a cita “promove a práctica deportiva entre as persoas con diversidade funcional ou intelectual, ao mesmo tempo que fomenta valores como a solidariedade, a igualdade de oportunidades ou a plena integración de todas as persoas na sociedade”.

A rexedora puxo en valor o “incansable esforzo que realiza unha vez máis Special Olympics por sacar adiante a duodécima edición das Marchas Ciclistas Unificadas, na que os participantes poderán percorrer diferentes puntos da xeografía galega”.

López resaltou tamén o traballo da fundación Eu Son, entidade burelá que ten como obxectivo defender os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e da que tamén é presidenta, “que sempre participa activamente en todas as actividades que se fan na vila, incluíndo esta”.

Por outra banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, sinalou que “a diversidade é unha das nosas maiores fortalezas, e eventos coma a XII Marchas Ciclistas Unificadas Special Olympics son a proba de que, cando traballamos xuntos, podemos crear unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

A nova edición do evento deportivo volverá percorrer durante catro días consecutivos as catro provincias galegas. A primeira etapa contará cun total de 20,4 km, con saída e chegada na Praza do Concello, e alcanzará incluso o veciño municipio de Cervo.

A cita de Burela comezará co acto de inauguración ás 10:45, que virá seguido da saída da Marcha ás 11:30 e da clausura ás 14.00. Participarán un total de 44 persoas, con 25 ciclistas, 8 adestradores e 11 persoas de apoio.

As persoas participantes pertencen ás entidades Aspas de Santiago, As Burgas de Ourense, PRODEME de Monforte e Fundación Eu Son de Burela, así como do Club Ciclista Monforte.

As Marchas Ciclistas Unificadas continuarán o venres 4 en Santiago de Compostela, chegarán o sábado 5 a O Carballiño e rematarán o seu percorrido o domingo 6 en Vilagarcía, culminando así un periplo polas catro provincias galegas.

Exit mobile version