As actividades arredor do cabalo centran a axenda das festas que comezan o día 16 coa lectura do pregón a cargo de Jesús Díaz Fernández, gastrónomo e un dos fundadores do Centro Galego en Berna, e que concluirán o día 20.
A baixada dos cabalos desde os montes próximos ata o campo da feira, con paso polo Barrio dos Muíños, a rúa San Roque, a Fonte Vella ou a Praza da Catedral – o día 17 – e a gran feira tradicional de gando cabalar -o día 18- serán as principais actividades arredor do cabalo no programa das feiras, que acollerán tamén o III Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, certames morfolóxicos de Cabalos de Pura Raza Galega, Concurso de Andadura Galega e espectáculos de doma noctura.
Efrén Castro destacou “a raíz gandeira e popular da San Lucas que se veñen celebrando desde 1156 e que recollen o pouso cultural e social de séculos de relación co cabalo e co medio natural” e explicou que “entendemos este tipo de feiras e festas como unha parte do noso patrimonio, por iso vimos colaborando de xeito estábel e constante co coas comisións que organizaron as festas ao longo destes anos”
Ademais do programa completo, no acto deuse a coñecer o cartel desta edición, obra de Xosé Vizoso, que coa súa creatividade ven contribuíndo tamén a dar relevancia e continuidade ás San Lucas.