Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras da renovación integral da rúa do Porto de Celeiro avanzan a bo ritmo

“Unha actuación que servirá para mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos veciños e veciñas da zona, sen perder a esencia mariñeira da rúa”, explica María Loureiro, que hoxe supervisou os traballos

Viveiro, 25 de setembro de 2024. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o segundo tenente de alcaldesa, Jesús Fernández, supervisaron hoxe o estado das obras para a humanización da rúa do Porto do Celeiro, que avanzan a bo ritmo.

Esta transformación integral comezou no verán e inclúe a pavimentación e renovación de todos os servizos da rúa.

Grazas ás xestións realizadas pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, a Deputación de Lugo aportou unha achega para este proxecto de 544.563,82 euros, mentres que o concello aporta 136.140,96 euros. O orzamento total é de 680.704,78 euros.

Trátase dunha actuación que abarca unha zona moi ampla no cruce formado pola rúa Lavandeiras, a LU-P-6612 e a rúa do Porto de Celeiro, acceso principal de vehículos e peóns á fachada marítima de Celeiro.

“É unha obra imprescindible para mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos veciños e veciñas de Celeiro. Mantendo o espíritu e a esencia mariñeira tan característica da zona, levamos a cabo unha renovación integral dunha das áreas máis dinámicas do concello, renovando os seus servizos e cumprindo as demandas veciñais”, engade Loureiro.

O proxecto contempla o movemento de terras e demolicións; pavimentación de beirarrúas e zonas de aparcadoiro; a reposición da rede de saneamento, pluviais, abastecemento e alumeado público; así como a canalización da electricidade, as telecomunicacións, a dotación de xardinería, mobiliario urbano e sinalización horizontal e vertical da zona.

Exit mobile version