Estas obras obrigarán a cortar a LU-P-1503 ata o vindeiro venres, cando se prevé que rematen estas tarefas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan
Lugo, 25 de setembro de 2024. A Deputación de Lugo está desenvolvendo estes días en Cervo os traballos de aglomerado en quente no firme da estrada provincial LU-P-1503, que vai dende Río Covo, por Trasbar, a Vilaestrofe. A actuación forma parte das melloras na estrada que a institución provincial está a levar a cabo cun investimento ao que destina máis de 400.000€, e afectan a case os 3 primeiros quilómetros da vía, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 2,6.
Uns traballos que obrigan a ter que cortar a vía ata o vindeiro venres, tempo que se estima necesario para estas tarefas, sempre e cando as condicións metereolóxicas o permitan. Durante este período, habilitaranse desvíos por outras rutas para minimizar as molestias aos usuarios e usuarias desta estrada.
O proxecto inclúe a mellora da drenaxe e o ensanche en varios tramos da calzada ata chegar a acadar nalgún punto os 5,75 metros, o que permitirá garantir unha maior seguridade para o paso de dous vehículos. Os traballos finalizarán coa sinalización e pintado mediante marcas viais reflexivas brancas.
Esta actuación é de gran relevancia, xa que a vía LU-P-1503 enlaza coa estrada provincial LU-P-1502 e serve de acceso a múltiples servizos, comunicando co concello de Burela e o Hospital Público da Mariña, así como cos campos de fútbol da Granda en Rúa e o da Chá en Vilaestrofe, e co Miradoiro de Monte Castelo.