O delegado territorial destacou a aposta do Goberno galego por “igualar as condicións do ensino en todo o territorio” con novas medidas organizativas e coas melloras que executa este ano en 112 centros da provincia por importe de 7,2 M€
Arias apuntou que no conxunto da provincia de Lugo retornan hoxe ás aulas 32.392 estudantes dos niveis de educación Infantil (5.387), Primaria (13.774), ESO (9.891), Bacharelato (3.270) e Educación Especial (70). No municipio de Riotorto incorpóranse 35 nenos e nenas de Infantil e Primaria.
Entre as novidades implantadas este ano para seguir mellorando a calidade da educación en Galicia, Arias destacou a baixada das rateos de alumnos por aula de 25 a 20 alumnos, o incremento no número de docentes e o reforzo das medidas de apoio ás familias.
Tamén fixo fincapé “na aposta do Goberno galego por igualar as condicións do ensino en todo o territorio”, o que se traduce en medidas como plan de modernización das infraestruturas educativas, que este ano ten en marcha 112 actuacións en colexios e institutos de Lugo cun investimento total que supera os 7,2 millóns de euros.
Unha das máis destacadas é a reforma que se acomete no CEIP de Riotorto, que está previsto que remate a finais de outubro. O ritmo das obras intensificouse no verán, de xeito que xa están completados os traballos interiores de construción de falsos teitos, pintura e instalación de iluminación LED.
A renovación da cuberta tamén está practicamente finalizada – a falta de colocar un canlón – e agora estase a traballar no illamento polo exterior cun sistema tipo SATE e na instalación da caldeira de biomasa que substituirá á antiga de gasóleo. Arias destacou que os traballos que quedan son compatibles co normal desenvolvemento das clases. “ Despois desta intervención as instalacións serán máis confortables e sostibles, xa que se acadará un notable aforro enerxético”, apuntou.
Inicio do curso no CFEA Pedro Murias de Ribadeo
O delegado tamén participou na apertura do curso dos dous ciclos de Formación Profesional Dual Intensiva que imparte o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo.
Este ano o centro conta co grao medio de Produción Agroecolóxica e o de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. As clases xa comezaron en ambos e o prazo de matrícula continúa aberto.
Arias destacou as altas taxas de empregabilidade da FP dual, en especial a modalidade intensiva, na que os estudantes reciben formación teórica no centro educativo e práctica -remunerada- nun centro de traballo. Isto favorece a súa inserción laboral, xa que adquiren experiencia previa.
No caso do CFEA Pedro Murias, hai 22 empresas adheridas ao convenio para realizar as prácticas do ciclo de Produción Agroecolóxica e 11 no ciclo de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural.