A Xunta de Goberno de hoxe deu luz verde a unha colaboración coa Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de 23.900€ para desenvolver o proxecto Entre a pel e a cultura: programa de intervención afectivo-sexual, unha iniciativa dirixida a persoas que se atopan cumprindo penas privativas de liberdade nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso
Lugo, 13 de setembro de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novos investimentos por un importe conxunto de 30.000€ para que as entidades asociativas e os concellos da provincia poidan desenvolver proxectos e actuacións que beneficien á veciñanza. Así o informou a Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, na rolda de prensa que tivo que lugar na Sala de Xuntas da institución provincial.
García Porto concretou que “acordamos destinar á Asociación Penitenciaria Concepción Arenal unha achega económica de 23.900€ para desenvolver o proxecto Entre a pel e a cultura: programa de intervención afectivo-sexual. Unha iniciativa que vai dirixida a persoas que se atopan cumprindo penas privativas de liberdade nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso”.
Esta programación aborda a perspectiva afectivo-sexual das relacións de parella e trata coas persoas participantes cuestións como a desinformación, as carencias afectivas, a falta de autoestima, a instrumentalización das relacións sexuais ou os estereotipos que se atopan neste eido, entre outros aspectos. Trátase dunha programación personalizada que se desenvolve a través dun amplo equipo profesional composto por unha psicóloga forense, unha criminóloga e unha traballadora social -entre outros especialistas- e que realizan unha intervención individualizada, familiar, grupal e de xeito flexible.
O proxecto inclúe un taller de educación afectivo-sexual que se desenvolve durante 20 sesións grupais, actividades de mediación e terapia de parella e un servizo de desprazamento aos centros penais para favorecer a execución do programa.
Na súa intervención, a Deputada lembrou que “o obxectivo principal desta iniciativa é abordar cos internos e internas coñecementos relacionados coa sexualidade e a afectividade; a prevención de embarazos non desexados; ou a importancia de protexerse contra enfermidades de transmisión sexual”.
“A formación, que se basea atendendo ós valores de respecto mutuo e autonomía persoal, non só aborda cuestións ligadas á saúde sexual, senón que tamén contribúe a derribar os estereotipos de xénero. Por iso, dende a institución provincial queremos impulsar esta iniciativa que promove a educación afectiva e sexual dentro dos centros penitenciarios, ao tempo que favorece a futura reinserción social das persoas participantes”, destacou García Porto.
Por outra banda, na reunión celebrada esta mañá a institución provincial tamén aprobou o convenio de colaboración co Concello de Sarria que permitiu desenvolver a XVII edición das Xornadas Xurídicas que teñen lugar neste municipio. A institución provincial realizou unha achega económica de 5.000€ e tamén retransmitiu en directo as distintas conferencias a través do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. García Porto avanzou que “este acordo que vimos de aprobar e para o cal o Concello de Sarria achega case 13.000€ permitiu cofinanciar os servizos de aloxamento dos participantes, os gastos de transporte ou os traballos de deseño, impresión e publicidade, entre outras cuestións”.
Granxa Gayoso Castro
A Voceira Socialista do Goberno tamén informou que a Deputación de Lugo aprobou nesta Xunta de Goberno a licitación dun contrato de subministración de material de cama para o gando da Granxa Gayoso Castro. O orzamento é de 31.900€ e terá unha duración dun ano coa posibilidade de prorrogalo durante un ano máis.
Remanentes do Concello de Foz
Outro dos asuntos que saíu adiante na Xunta de Goberno foi a solicitude do concello de Foz para investir 20.352,87€ dun convenio entre a institución provincial e este municipio que servirá para completar a mellora dos parques situados en Marzán en na Rúa Xulia Minguillón. Tras a reforma integral destes espazos “procederase ao acondicionamento do pavimento, á instalación de bancos e elementos biosaudables, e a correspondente iluminación. Esta actuación, que beneficiará a toda a veciñanza focense, enmárcanse dentro do plan de renovación de parques infantís que está a impulsar o goberno local, comentou a Deputada.