O portavoz popular traslada os seus parabéns aos premiados en nome do Grupo Provincial Popular, pero cre que “despois de que Pablo Rivera recoñecera o ano pasado que había que darlle unha volta a estes premios, PSOE e BNG volveron fracasar porque quedan categorías sen entregar”
O popular asegurou que “grazas á nosa presión, o goberno provincial fixo un maior esforzo na divulgación destas distincións porque hai máis premiados que na pasada edición do 2023 -cando só se entregou un galardón-, pero aínda así non se chegan a outorgar a totalidade dos premios dispoñibles”. Polo tanto, “cremos que o goberno de PSOE e BNG volveu fracasar. Especialmente despois de que o viceportavoz socialista, Pablo Rivera, recoñecera que lle había que dar unha volta aos premios”.
Máis alá dos premios, “a orde do día desta convocatoria do Consello Provincial de Turismo está baleira”. Polo que Ameijide considera que “esta convocatoria é puro trámite e unha oportunidade perdida”. Nese sentido, afea que “estamos en setembro e nesta reunión do Consello non se analiza o primeiro semestre do ano nin se incorpora ningún punto para avanzar a planificación en materia de turismo do vindeiro ano 2025”.
O popular lembra que, en materia de turismo, “o que ten máis éxito e se mantén no tempo é unha iniciativa do goberno do Partido Popular: as rutas en catamarán que permiten coñecer a Ribeira Sacra”. Pero, “lamentablemente, a rede de catamaráns herdada polos gobernos de PSOE e BNG viuse reducida: xa non están en funcionamento o 100% das embarcacións e embarcadoiros e tampouco se aplicaron melloras”. No caso da Ribeira Sacra, “o impulso dende a propia provincia leva o selo dun goberno do PP na Deputación de Lugo, fai máis de 20 anos, e agora vai da man do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra”.
“O goberno de PSOE e BNG o que fai é xerar unha mala imaxe da provincia e poñer en risco a seguridade dos usuarios -visitantes, pero tamén veciños- das vías da Deputación de Lugo”, incide Ameijide. O portavoz popular explica que “o mal estado das vías provinciais dificulta o acceso a puntos de interese turístico e as marxes cheas de maleza -porque o goberno comezou moi tarde coas tarefas de roza que nalgúns concellos aínda está sen realizar- diminúen a visibilidade de condutores e peóns. Esta situación dáse tanto na Ribeira Sacra coma noutras zonas da provincia”. É tamén o caso das “estradas que dan acceso ás praias da Mariña”, engade.
Os populares demandan máis implicación do goberno provincial de PSOE e BNG no ámbito turístico e afean que “non apliquen na Deputación de Lugo o mesmo que lle demandan ao Goberno galego: un plan a longo prazo para impulsar o sector na provincia dende un punto de vista sostible”.