Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares apela á colaboración institucional na loita contra a pesca ilegal e brindar así ao sector o futuro que se merece

Pon en valor que por parte da Xunta se levase a cabo un plan integral, a través do que se buscaba garantir a salubridade, evitar o fraude, reforzar a actividade inspectora e endurecer o Código Penal

Vigo, 9 de setembro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, apela á colaboración institucional para a loita contra a pesca ilegal e brindar así ao sector o futuro que se merece, dado que esta práctica non regulada prexudica á recadación fiscal, diminúe o rendemento económico do sector ou afecta á imaxe dos produtos do mar, á seguridade alimentaria dos consumidores e aos recursos mariños.

Así o expuxo o responsable autonómico no transcurso da inauguración do IV Curso de Fortalecemento de Capacidades para a Aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto (AMERP), que se celebra dende hoxe ata o dia 26 na cidade olívica e que conta coa colaboración do departamento que dirixe Villares, da Axencia Europea de Control da Pesca, da FAO e Segepesca, entre outros.

Galicia ten un firme compromiso con este problema; de aí que para palialo e concienciar á poboación do mesmo, dende a Xunta se desenvolvese un plan integral que buscaba, en primeiro lugar, preservar os recursos mariños, evitar o fraude e garantir a salubridade dos produtos; segundo, reforzar a actividade inspectora, a través dunha colaboración máis estreita coa Fiscalía Superior de Galicia, a Unidade de Policía Adscrita e co sector na Mesa do Furtivismo; terceiro; aumentar os efectivos de Gardacostas, así como medios navais, aéreos e terrestres; e, finalmente, traballar para endurecer o Código Penal. Asemade, existe un sistema de trazabilidade plena e estase en contacto co ministerio para reducir todo tipo de furtivismo.

Acordo subscrito por 79 países

Con esta fin, a administración autonómica tamén se asociou á FAO; unha institución que lidera o esforzo internacional para asegurar o acceso regular a alimentos de alta calidade e impulsou o AMERP; o primeiro tratado internacional de carácter vinculante centrado especificamente na pesca ilegal. Creado en 2016, xa foi subscrito por 79 países, procedentes de 105 estados.

A cuarta edición do curso está dirixida a inspectores de pesca da zona do Caribe, concretamente de Panamá, Saint Kitts e Nevise, San Vicente e Grandinas; Santa Lucía; Trinidad e Tobado; e Grenada. As anteriores desenvolvéronse en 2018 e 2023 e foron deseñadas para profesionais auditores de América Latina (Ecuador, Costa Rica, Panamá, Perú e Colombia) e da África francófona (Guinea Conakri, Madagascar e Mauritania).

Exit mobile version