Burela, 16 de setembro, 2024. Con motivo do Día Mundial do Alzheimer, a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias de Burela (AFAN Burela) está a realizar diversas actividades co fin de achegar á sociedade esta doenza que se estima que afecta en Galicia a máis de 70.500 persoas.
Esta semana dará comezo a campaña “Lémbrate de min” gracias á colaboración de ACIA Burela. A través da mesma e ata finais de mes, 40 establecementos adheridos a ACIA expoñerán no seu interior información sobre a asociación e os principais sinais de alarma do Alzheimer acompañada de bolsas de tea pintadas polas persoas usuarias que estarán á venda co fin de recaudar fondos para a entidade.
Así mesmo, cada establecemento colaborador terá un impactante cartaz no seu escaparate co obxectivo de sensibilizar e concienciar a toda a poboación sobre os problemas aos que se poden enfrontar, no seu día a día, as persoas que sofren algún tipo de demencia. AFAN Burela quere agradecer a ACIA a súa colaboración para levar a cabo este proxecto.
Os actos centrais da Asociación terán lugar este venres, 20 de setembro onde AFAN Burela estará presente no Centro de Saúde da localidade e no Hospital da Mariña con mesas informativas onde dará a coñecer a súa labor e proporcionará información sobre as demencias e a súa problemática. Así mesmo, nas mesas informativas terán dispoñibles bolsas de tea pintadas á man polos seus usuarios e lotaría de Nadal.
O Concello de Burela tamén colabora coa entidade iluminando a súa fachada de cor verde en solidaridade con todos os afectados e expoñendo no MUPI da Casa da Cultura un cartaz para sensibilizar sobre estas doenzas a toda a poboación.
Finalmente, a asociación levará a cabo, no mes de outubro, o derradeiro curso de Coidados Compartidos, dirixido a familiares coidadores de persoas con algún tipo de demencia. Está aínda pendente confirmar o concello no que se impartirá.