Trátase do primeiro “roteirríos” -un programa de itinerarios que pretende unir ríos e persoas nun ambiente lúdico- no marco da campaña de outono do Proxecto Ríos 2024. Nesta ocasión, ADEGA e Proxecto Ríos achegaranse ata a fraga de Santo Estevo do Ermo, un oasis de especies autóctonas cunha rica biodiversidade tanto de fauna como de flora, que inclúen fentos pouco comúns e ameazados. O obxectivo desta actividade é coñecer o patrimonio cultural e natural do lugar e as actividades de custodia que se están a desenvolver neste fermoso bosque de ribeira.
Programa da xornada
A xornada comezará ás dez da mañá e, nela, as persoas participantes poderán estudar de primeira man a calidade do bosque de ribeira e facer unha análise de macroinvertebrados para coñecer o estado de saúde do treito do rego. Tamén se aproveitará para recoller lixo no marco da XVII Limpeza de Ríos de ADEGA. Ademais, está prevista unha visita á finca recentemente adquirida en Santo Estevo pola Fundación Eira da Xoana de ADEGA, Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo para a súa recuperación, conservación e estudo. Tamén se acudirá á ermida de Santo Estevo do Ermo e ao revertedoiro. Ás 14:15 rematará a xornada.
O roteiro ten unha dificultade baixa e é curto, duns 2 km. ADEGA recomenda levar calzado con sola antideslizante e adaptado para a auga, xa que hai zonas húmidas e con pendente nas que se pode esvarar. É recomendable tamén traer auga e comida para media mañá e levar roupa axeitada para camiñar.
Esta actividade está financiada por Augas de Galicia e desenvólvese en colaboración coa Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e a Irmandade de Santo Estevo do Ermo. Para acudir, cómpre inscribirse previamente a través do seguinte formulario: https://forms.gle/ewspNNtnwjFTknpt7
Proxecto Ríos
O Proxecto Ríos é a iniciativa de educación e voluntariado ambiental promovida por ADEGA e cuxo obxectivo é dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas e fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos mediante ferramentas que garantan a súa participación.