José Antonio Álvarez lembrou que a obra de recuperación de calado está pendente de informe do Ministerio de Transición Ecolóxica e que contempla varias actuacións nos vindeiros anos, que se sumarán aos 1,1 millóns investidos en anteriores dragaxes
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024. O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación ás actuacións previstas para o porto de Foz. Ao respecto, asegurou que o ente público continúa traballando no proxecto de remodelación das instalacións portuarias de Foz, orzamentado en 3,5 millóns de euros.
O presidente de Portos de Galicia explicou que este proxecto contempla unha dragaxe plurianual do acceso e a dársena focense cun investimento de 1.130.000 euros e que se atopa actualmente en tramitación ambiental, pendente de informe do Ministerio de Transición Ecolóxica desde o 10 de novembro de 2023.
Esta actuación prevé a recuperación de calado na canle de acceso e interior da dársena á cotas entre -2,5 e -1,5 e posteriores dragaxes de mantemento nos vindeiros anos. Polo que respecta ao material extraído, os áridos da canle de acceso serán empregados na recuperación da praia de Altar e os do interior da dársena depositaranse en alta mal. Ata o momento o gasto na tramitación deste proxecto ascende a 70.000 euros que se unen aos 1.100.000 euros investidos xa en anteriores obras de dragaxe executadas en Foz.
Ademais, na súa intervención, o presidente de Portos indicou que unha vez executada a dragaxe deseñarase a remodelación da dársena deportiva de Foz para aumentar a súa capacidade de prazas de amarre e mellorar as condicións de operatividade. Ata o momento téñense executados xa diversos traballos e estudios previos, a saber: a inspección técnica das instalacións actuais, análise de condicións do clima marítimo, análise das características do medio e das condicións de sedimentación, deseño de alternativas da configuración do porto e análise previa das tipoloxías estruturais aplicables.
O obxectivo desta actuación pasar por crear en total 130 amarres para esloras de entre 6 e 12 metros e dar resposta a problemas actuais da dársena como o exceso de axitación interior, mellorando as condicións de abrigo.