Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2024. A Xunta vén de licitar as obras de construción do novo Punto de Encontro Familiar (PEF) da Mariña, no concello de Cervo. O Goberno galego destinará máis de 150.000 euros á creación do que será o segundo recurso deste tipo na provincia, ao sumarse ao que está en funcionamento en Lugo capital.
Pola súa céntrica situación, o PEF da Mariña dará cobertura a toda a comarca, desde O Vicedo ata Ribadeo, así como ás familias doutros concellos próximos que poidan requirir a utilización deste recurso. Deste xeito, a Xunta atende unha demanda histórica para mellorar a vida dos mariñáns, que agora teñen que viaxar ata 200 quilómetros para ver aos seus familiares.
O novo PEF da Mariña estará situado no edificio da antiga sede consistorial, cedido polo Concello de Cervo á Xunta, no que se acometerán obras de remodelación para dotar ao inmoble de tres salas de visitas e intercambio, despachos para entrevistas, un office, baños adaptados, almacén e zona de recepción.
Puntos de Encontro Familiar
Os PEF son recursos totalmente gratuítos a disposición das familias para que os nenos poidan ter contacto cos seus familiares –habitualmente, pais ou nais– en caso de rupturas conflitivas ou doutros problemas relacionais graves. Os casos veñen derivados dos órganos xudiciais, que son os que determinan a utilización deste servizo.
Galicia conta na actualidade con oito PEF: sete nas áreas urbanas e o da comarca da Barbanza. Outros tres están en fase de creación, coas obras xa licitadas ou en marcha, nas comarcas do Deza (Pontevedra), Monterrei (Ourense) e agora na Mariña (Lugo).