Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta leva mobilizados máis de 50 millóns de euros en accións e inversións dirixidas á recuperación da actividade marisqueira

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, comparece na Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2024. A Xunta de Galicia leva postos a disposición de sector máis de 50 millóns de euros para o desenvolvemento de medidas de apoio aos profesionais afectados pola paralización da actividade extractiva, en medidas de apoio á conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños e á mellora das zonas de produción. Así o explicou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Marta Villaverde, na súa comparecencia na Comisión 8ª do Parlamento sobre as actuacións e valoración do exercicio das competencias da Xunta en materia de marisqueo.

A directora xeral sinalou que a situación actual débese a un acontecemento excepcional e sen precedentes no marco dunha evolución cíclica e decenal da produción de moluscos bivalvos en Galicia na que se sitúan os rexistros máximos e mínimos segundo a serie histórica dispoñible no portal de Pesca de Galicia. O Goberno galego, co obxectivo de facer máis resiliente ao sector fronte a estes ciclos, reforzou os recursos destinados a proxectos de investigación mariña superando os 4 millóns de euros.

Nesta liña, esbozou as distintas liñas de traballo que se está abordando desde organismos como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) ou na plataforma Redemar, ferramenta pioneira de colaboración entre os centros científicos e o sector. Unha labor na que tamén participan as universidades galegas e que están axudando a avanzar na optimización e mellora do proceso de obtención de semente, na obtención de estirpes resistentes aos cambios ambientais e a enfermidades que condicionan a súa viabilidade ou no estudo do estados dos bancos marisqueiros e os factores que inflúen na súa produtividade.

Por outro lado contrapuxo a xestión realizada pola Xunta, mobilizando todos os recursos dispoñibles – tanto con fondos propios e comunitarios-, fronte á nula implicación do Goberno central que impediu habilitar axudas específicas ante o episodio elevada mortaldade de bivalvos do ano pasado para o que se solicitou a declaración de zona catastrófica.

Plan de Competitividade

A directora xeral defendeu o Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia, deseñado xunto ao sector, como instrumento eficaz para dar resposta ás necesidades dos profesionais e abordar a rexeneración dos bancos marisqueiros. Deste xeito destacou que se trata dun documento vivo que conta coa flexibilidade precisa para adaptarse ás circunstancias de cada momento e á información científica dispoñible.

Tamén explicou que hai variables como os cambios no clima, a temperatura da auga ou a salinidade teñen efectos directos no ecosistema e a dispoñibilidade de nutrientes aos que sumou a interacción entre depredadores e competidores que teñen un impacto directo no equilibrio ecolóxico do banco.

Modelo galego

Marta Villaverde subliñou que Galicia regula a actividade marisqueira mediante plans de xestión que son aprobados de xeito trienal que abordan a explotación dos recursos e a organización do traballo extractivo (cotas, vedas temporais ou espaciais, tamaños mínimos,…). Tamén inclúen os traballos non extractivos que inclúen as labores de conservación das condicións das poboacións explotadas (traslados, sementeiras, etc.) e das condicións do hábitat. Un modelo avalado pola Rede de Seguimento, Avaliación e Apoio Local da Pesca e Acuicultura da Comisión Europea.

Exit mobile version