Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará unha nova edición do obradoiro de emprego que está en marcha en Burela, Cervo e Xove

En total benefician a 40 persoas desempregadas que reciben formación relacionada coa xardinería ao tempo que desempeñan un traballo remunerado

Burela, 17 de setembro de 2024. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe en Burela a dobre utilidade dos obradoiros de emprego, que por unha banda forman a persoas desempregadas en oficios con boa saída laboral e pola outra melloran espazos e servizos públicos nos concellos nos que se desenvolven.

Arias visitou a localidade mariñá para comprobar as actuacións que realiza o taller Sendas de Burela, Cervo e Xove X, que imparte ensinanzas relacionadas con traballos en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Anunciou que en breve comezará unha nova edición deste mesmo programa, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no marco da convocatoria de axudas deste ano para desenvolver obradoiros duais. O investimento en ambos talleres suma preto dun millón de euros.

No que respecta ao que está próximo a finalizar, os 20 participantes encargáronse do acondicionamento de áreas recreativas, parques e xardíns dos tres municipios, ademais de realizar labores de rexeneración ambiental no entorno de ríos.

No caso de Burela, planificáronse unha vintena de actuacións en puntos como a praza da Mariña, o paseo marítimo dende A Marosa ata a praia urbana da localidade ou os regatos das Pasadiñas e da Vila do Medio.

En canto ao novo obradoiro, impartirá a mesma especialidade que o actual – actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería -. A duración será de nove meses e os destinatarios son 20 persoas desempregadas.

Arias destacou que ademais de adquirir coñecementos teóricos e prácticos e realizar un traballo de interese público remunerado, os alumnos e alumnas que completan con éxito a formación obteñen un certificado profesional con validez en toda España.

Exit mobile version