Ao recente proceso electoral so se presentou unha candidatura. Os integrantes da directiva son: Carmen Cruzado Iglesias, de Faro Norte Comunicación, como presidenta; Virginia Ezeiza Baltar, do Gastrobar Mareta, como vicepresidenta; Manuela Torviso Pérez, de Lencería Torviso, como tesoureira; Felipe Fernández Barcia, do restaurante A Horta de San Roque, como secretario; José Ramón Leal Segura, de Galería Terra Branca, como vocal; María Teresa Iglesias Basanta, de Hotel Restaurante Javier Montero como vocal; e Trinidad Otero Franco, de Siñeiro Hogar, como vocal.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “a xunta directiva é continuista co obxectivo de levar adiante proxectos que temos en marcha e nos que levamos traballando meses. Temos nova incorporación: Trini Otero, á que lle damos a benvida. E ás outras compañeiras e compañeiros quero darlles as grazas polo seu traballo e apoio ao longo destes dous anos, que levamos na xunta directiva de Acisa Ribadeo”.
Cruzado Iglesias sinalou que “traballamos pensando no mellor para as nosas asociadas e asociados e no mellor tamén para Ribadeo, porque iso redundará en todos nós. Tentamos facelo o mellor posible. Non sempre se consegue, porque nunca chove a gusto de todos. Pero o noso empeño, o noso esforzo e o noso tempo poñémolo a disposición de Acisa”.
A presidenta de Acisa ten palabras de agradecemento para as 170 socias e socios do colectivo empresarial ribadense: “grazas tamén ás socias e socios por estar aí, por axudar, por apoiar e por comprender. Esta xunta directiva está aberta a escoitar todas as propostas, as melloras e as críticas que nos queiran facer chegar. Por diante temos dous anos de traballo”.
Carmen Cruzado anunciou a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria para o mes de novembro: “coa intención de presentar os orzamentos de 2025, para informar da situación económica de Acisa e para abordar cuestións de índole interno que queremos expoñer e consultar”.
Charla Adapta Local
APE Galicia e a Xunta achegan a Ribadeo o Programa Adapta Local coa colaboración de Acisa Ribadeo para Impulsar o comercio local.
Segundo explicou Jesús Pérez, xerente de Acisa, “o vindeiro luns, 23 de setembro, de 16:00 a 20:00 horas terá lugar na Casa del Viejo Pancho unha charla dirixida os comerciantes de Ribadeo sobre o programa da Xunta Adapta Local, que foi deseñado para fomentar o consumo nos negocios locais de Galicia de maneira sostible e competitiva, así como para potenciar a comercialización do produto galego. O programa Adapta Local ten como obxectivo ofrecer formación especializada tanto presencial como telemática aos comercios locais e rurais de Galicia. A formación centrarase en iniciativas innovadoras que favorezan a comercialización do produto galego, abarcando unha ampla gama de temas relevantes para o sector. Entre os contidos das formacións inclúense: transformación dixital; venda en liña e xestión de redes sociais; atención ao cliente e tendencias de comercio; finanzas e xestión de inventario e economía circular e compromiso social. As empresas interesadas en participar no programa poden ver máis información e inscribirse a través da seguinte ligazón: https://apegalicia.es/adapta-local”.
Premios Volta ao Cole
Desde Acisa Ribadeo lembran tamén que aínda poden ser reclamados os premios da campaña da Volta ao Cole. Pérez Prada lembrou que “os números agraciados son o 1.116, entregado en Os Irmandiños e que corresponde ao premio dun colgante de prata de lei exclusivo con madreperla cortesía de Galería Terra Branca; o 2.791, que foi entregado en Hola Ola e que corresponde ao reloxo Time Force modelo Status Chrono, valorado en 300 euros, doado por Xoiería Azabache; e o 868 que foi entregado en Kids&Us, valorado en 100 euros en vales de compra de Acisa Ribadeo. As persoas posuidoras das rifas gañadoras teñen ata o dia 27 de setembro para reclamar os seus premios nas oficinas de Acisa Ribadeo en horario de 09:30 a 14:30 horas”.
E engadiu: “aproveitamos lembrar a veciños e visitantes de Ribadeo que poden desfrutar das Panchas para facer as súas compras e consumicións no comercio e na hostalaría ribadense, nos mais de 90 negocios participantes, dos que preto do 70% son asociados a Acisa Ribadeo”.